O Consorcio adxudica o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos da cidade histórica

xoves, 9 Outubro, 2014

O Consorcio de Santiago vén de adxudicar a segunda fase do servizo de mantemento e reparación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica para este ano, por un importe de 79.134 euros. A empresa Renovatio, Conservación del Patrimonio Artístico, S.L., comezará os traballos o vindeiro luns. A primeira fase, cun presuposto de 48.850,50 euros, executouse entre os meses de xaneiro e marzo. 

 

“A pedra que pisas” é un programa impulsado polo Consorcio de Santiago. Oriéntase ao establecemento dunha dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito da cidade histórica de Santiago de Compostela. O programa naceu en colaboración coa Fundación Laboral da Construción e ten dedicado recursos á formación e especialización de canteiros en tarefas de mantemento de lousados.

 

Tal como salientan dende a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, cada unha das aproximadamente 200.000 lousas de granito que hai na cidade histórica compostelá require para o seu labrado e colocación dunha xornada de traballo completa dun canteiro. Por este motivo o Consorcio e a Fundación Laboral da Construción promoveron o concurso “Canteiros no Obradoiro”, do que se celebraron tres edicións e no que cada un dos concursantes debía labrar unha destas lousas.  

 

Con este programa búscase responder á demanda real de mantemento destes lousados, trascendentais no espazo público do casco histórico compostelán. Por outro lado, trátase do pavimento característico e tradicional de todos os centros históricos de Galicia.

 

Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas do casco histórico. As actuacións están planificadas pola Oficina Técnica do Consorcio. No marco deste programa, no primeiro semestre de 2014 actuouse no lousado de 20 rúas e prazas diferentes, cun total de 126 intervencións. Interviuse en Acibechería, Atalaia, Casas Reais, Caldeirería, Conga, Entremurallas, Praza Feixoo, Fonte Sequelo, Franco, Rúa Nova, Praza do Obradoiro, Praterías, San Fiz, San Francisco, Praza do Toural, Tránsito de Gramáticos, Travesa de Fonseca, Vía Sacra, Xelmírez e Xerusalén.

 

Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado, ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de subsanar o desperfecto.

 

Búscase conservar a maior cantidade de pezas orixinais

 

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promove que calquera operación de mantemento ou reparación que se efectúe en pavimentos históricos de lousas de granito se execute coas precaucións necesarias para preservar a autenticidade e a integridade do existente. Nesta liña, búscase conservar a maior cantidade de pezas orixinais e, en caso de ser necesaria algunha substitución, esta deberá efectuarse con pezas coas mesmas características e dimensións que as orixinais e, preferentemente, con lousas reutilizadas.

 

“Os sistemas de colocación e asento deben facilitar os futuros traballos de mantemento e conservación, tanto do propio lousado como das instalacións subterráneas. E, en xeral, a intervención debe conducir a un mellor estado da zona, dende o punto de vista da estabilidade e integridade do pavimento e tamén da integración e harmonía co resto dos pavimentos e coa propia cidade” -explican dende a Oficina Técnica do Consorcio-.