A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño promove a exposición “Bosques de prata”, que reúne na Casa do Cabido pezas do ourive Eloy Gesto. Foi o fundador da Asociación de Ourives de Santiago de Compostela, formou parte do Padroado da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e da Comisión Galega de Artesanía. A súa obra está representada en museos e en coleccións privadas nacionais e internacionais.
A pegada característica dos seus traballos levou á ourivería compostelá a uns límites de experimentación únicos. As súas formas ondulantes, con inspiración na natureza, son formas orgánicas, onde a liña curva ten un gran protagonismo.
Esta exposición, que permanecerá na Casa do Cabido ata o 27 de xaneiro de 2015, trata das dúas paixóns de Eloy Gesto: a súa profesión e a súa familia. Da unión das dúas nace o seu traballo máis íntimo e descoñecido. Nesta mostra apréciase o desenvolvemento duns deseños experimentais, que foi plasmando ao longo da súa vida, pezas que xorden de bosquexos realizados sobre todo a finais dos 80 e na década dos 90 e que irá materializando con posterioridade. Son obras especiais, como el as denominaba, moi elaboradas, ás que foi dando forma no seu tempo libre. Nunca quixo desprenderse delas e permanecen en mans da súa muller e dos seus fillos.
Aínda que Eloy Gesto naceu en Carballal, na provincia da Coruña, sempre se sentiu compostelán, posto que a cidade acolleuno dende que era un neno. A súa orixe xa o predestinou á súa profesión; a súa familia estaba vinculada á ourivaría, o seu pai era prateiro e o seu irmán xoieiro. En 1975 monta un taller en Vista Alegre, coincidindo cos anos nos que comeza un desenvolvemento e expansión máis comercial na ourivería compostelá.