Comezan as obras na igrexa de Santa María de Figueiras

mércores, 3 Decembro, 2014

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de comezar as obras na igrexa de Santa María de Figueiras, centradas na cuberta e nos remates exteriores e interiores do templo, co fin de resolver o problema de entrada da auga da choiva a través do campanario e que afecta ao inmoble. Os traballos, adxudicados á empresa Rehabilita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L., está previsto que rematen nun máximo de tres meses. O orzamento global da intervención ascende aos 22.687,50 euros.

 

A igrexa de Santa María de Figueiras é de orixe románica, da segunda metade do século XII. A fachada, de estilo neoclásico, realizouse no século XIX. Durante a década dos setenta (entre 1978 e 1979) leváronse a cabo unha serie de reformas importantes. Un dos muros da nave tiña problemas de estabilidade e fíxose, en parte, de novo. Os muros  revocáronse interior e exteriormente con morteiro de cemento. Pola súa parte, a cuberta actual susténtase sobre unha estrutura de formigón.

 

En 2003-2004 o Consorcio de Santiago interveu no templo. Daquela reparouse a cuberta, coa substitución de todo o material de cobertura e a colocación de canlóns e baixantes, xunto coa renovación das revocaduras exteriores e a introdución dun sistema de drenaxe perimetral polo exterior para reducir a humidade dentro do templo. Tal como indica a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra, Idoia Camiruaga, “pasados os anos, fanse imprescindibles as labores de mantemento, polo que cómpre reparar os paramentos da igrexa, en especial os interiores debido a que a súa pintura plástica, excesivamente impermeable, provoca maior humidade nos muros. Pola súa parte, os paramentos exteriores están moi atacados por mofos e algas”. 

 

A arquitecta explica que, “aínda que o estado de conservación xeral do edificio é bo, a finalidade das obras é evitar a entrada de auga da choiva e as consecuentes humidades na nave da igrexa”. Nesta liña, salienta que en 2013 o Consorcio de Santiago restaurou as pinturas murais do século XVI de alto valor artístico e histórico que saíron á luz no templo, polo que considera “imprescindible manter o ambiente interior en condicións climáticas o máis estables posible”.

 

A intervención na cuberta 

 

Debido a que a auga da choiva entra pola cuberta, substituirase toda a tella que se atopa en mal estado. Tamén se colocará unha protección especial entre a cuberta e o campanario da igrexa para recoller as augas pluviais e evitar que se filtren ao interior do edificio. Por outro lado, instalarase unha lámina de fibra de polietileno de alta densidade, que permita o paso do vapor de auga pero non o da auga líquida. Ademais, procederase tanto á limpeza de canlóns como de baixantes.

 

A intervención nos muros exteriores e interiores 

 

O paramento interior dos muros da igrexa está recebado con argamasa de cemento e area, deixando unha banda na parte baixa para permitir a aireación dos mesmos. “Pero esta solución non resulta suficiente, posto que hai moito recebo solto debido ás sales que porta a humidade de capilaridade, coas consecuentes manchas de humidade no interior do templo” -apunta a arquitecta Idoia Camiruaga-.

 

A arquitecta do Consorcio indica que se trata dunha revocadura “moi pouco permeable ao vapor da auga e, ao mesmo tempo, ríxida e moi dura, o que complica a súa eliminación”. Tratarase pois de eliminar a pintura de toda a superficie exterior da igrexa, na que finalmente se aplicará un tipo de pintura que permita o paso do vapor de auga e, así, facilite a eliminación da humidade dos muros.