Rematan as obras de limpeza e restauración da fachada sur do Pazo de Raxoi

martes, 10 Marzo, 2015

O Consorcio de Santiago promoveu as obras de renovación das carpinterías e limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi, sede do Concello compostelán. Os traballos, realizados pola empresa Construcciones Abal, S.A., tiñan un orzamento de algo máis de 120.000 euros. O obxectivo desta intervención era mellorar a eficiencia enerxética do edificio e selar as xuntas da fachada para garantir a total estanqueidade da mesma, así como acadar o confort térmico nas estancias municipais.

 

Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra, Xosé Allegue, ademais da mellora das carpinterías, da restauración dos enreixados históricos e da limpeza da fachada, renováronse os rexuntados que estaban deteriorados. Así mesmo, consolidáronse aqueles elementos que presentaban risco de desprendemento á rúa, ao tempo que se completaron as faltas de material nos ocos da pedra. Deste xeito evítase, ademais do crecemento da flora na pedra da fachada, a entrada de auga ao interior do inmoble. 

 

Eliminación de plantas, algas, mofos e liques

 

Nas zonas invadidas pola vexetación aplicouse un herbicida de baixo impacto no medio natural. Por outro lado, antes de realizar a limpeza da superficie, aplicouse unha disolución de biocida nas zonas afectadas por algas, mofos e liques. O seguinte paso foi limpar toda a superficie da fachada cun cepillo de esparto e auga sen presión para non danar as xuntas nin a superficie da pedra.

 

Coa fachada limpa, saneáronse en profundidade as xuntas abertas infestadas por plantas e raíces, así como as gretas e fisuras para eliminar todo o material de aporte tanto do vento como das aves e demais colonizadores.

 

Nas xuntas aplicouse un hidrofugante impermeable á auga en estado líquido pero permeable ao vapor de auga, de xeito que se favorece a eliminación da humidade interior da fábrica. Así, lógrase unha menor ou nula acumulación da auga de choiva, ao tempo que se retrasa a colonización por parte de mofos, algas e liques nas xuntas máis expostas. 

 

Renovación das carpinterías das ventás e restauración dos enreixados históricos

 

En relación ás carpinterías, renováronse todas as follas interiores e exteriores das ventás da fachada sur do Pazo de Raxoi. As exteriores substituíronse por outras idénticas ás existentes. A falta de material nos marcos de pedra completáronse con morteiro de restauración ou, no seu caso, con inxertos puntuais, de cara a conseguir o bo encontro entre o marco de pedra e a ventá. No caso das follas interiores, incorporouse un marco perimetral dobre con xuntas de estanqueidade e canles de evacuación, xunto cun vidro tamén dobre. 

 

As reixas históricas desmontáronse para restauralas no taller, recuperando os dourados dos ornamentos vexetais. Tamén se recuperaron parte dos ornamentos que tiñan desaparecido pola acción do clima.

 

O problema das pombas

 

As pombas refúxianse cada día nas cornixas protexidas da fachada do Pazo de Raxoi. Son, ademais, as aves que aportan a maior cantidade de materia orgánica, sementes de plantas, sucidade… á fachada do edificio. En relación a este problema, tal como indica o arquitecto Xosé Allegue, “non parece que exista unha solución definitiva máis alá dun programa estable de mantemento e limpeza superficial programada dos restos orgánicos e plántulas que poidan comezar a enraizar na fábrica da fachada”. Por este motivo optouse por colocar as liñas de vida e ancoraxes necesarias que permitan a realización destes labores sen necesidade de instalar estadas. “Estes elementos de seguridade non son visibles dende a rúa e non danan a fábrica” -asegura o arquitecto-.