O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Agustín Hernández. Entre os temas abordados destaca a aprobación de novas actuacións dentro do Programa de Monumentos do Consorcio, para o que este ano se destinará unha partida global de 1.041.371,69euros.
Entre estas novas intervencións, centradas na rehabilitación e restauración en edificios emblemáticos de Santiago, proponse actuar no Teatro Principal, onde se renovará o corpo do escenario, ao tempo que se substituirá a iluminación, retellarase a cuberta do edificio e cambiarase o material de impermeabilización dos canlóns ocultos da mesma. O importe destas actuacións ascenderá aos 129.000 euros.
Dende o ano 2006 o Consorcio de Santiago interveu en varias ocasións no Conxunto de San Domingos de Bonaval, onde se atopa o Museo do Pobo Galego. Nestes intres considérase prioritaria a actuación sobre o volume que contén a extraordinaria escaleira helicoidal de tres corpos, xa que se producen filtracións da auga da chuvia ao interior, procedentes do encontro dos seus muros coa cuberta. Ademais, cómpre protexer as monteas (debuxos que servían como guía aos canteiros á hora de tallar cada pedra), únicas en Galicia, que da propia escaleira hai no chan, posto que se están a desgastar polo tránsito de usuarios e turistas. Para esta intervención destinarase un presuposto estimado duns 64.600 euros.
O edificio da Fundación Gonzalo Torrente Ballester presenta problemas de filtracións da auga da chuvia ao interior do inmoble, debido á deterioración do material de impermeabilización da súa cuberta plana. A esta intervención dedicarase unha cantidade aproximada de 35.000 euros.
No ano 2011 o Consorcio realizou unha intervención sobre a cuberta, a fachada e as medianeiras da Casa da Troia, museo de titularidade municipal. Agora o edificio precisa unha nova actuación, xa que se producen filtracións da auga da chuvia pola cheminea que afectan ao interior do edificio. O presuposto estimado da obra rolda os 3.500 euros.
Por outro lado, restaurarase a portada da fachada principal da facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, cunha dotación duns 47.000 euros.
Igrexas e conventos
Intervirase na igrexa do Hospital de San Roque para restaurar o retablo da Virxe de Monserrat, datado en 1763 e para o que se dedicará un presuposto estimado de 19.000 euros. Pola súa parte, na igrexa de San Fiz actuarase na súa fachada principal, que precisa dunha limpeza posto que está moi afectada pola sucidade, debida á contaminación atmosférica, á presenza de vexetación e á colonización biolóxica. O presuposto estimado para esta obra ascende aos 19.230 euros.
O Consorcio de Santiago propón actuar tamén no conxunto conventual de San Martiño Pinario, en particular nas cubertas e no ciborio, co fin de evitar a entrada da auga da chuvia ao interior do edificio, obra á que se destinarán uns 125.000 euros. E no convento de San Paio de Antealtares cómpre eliminar as goteiras do aleiro, o que suporá un gasto de 20.000 euros.
Actuacións noutros edificios
Así mesmo, o Consorcio intervirá, como xa estaba previsto, na rehabilitación doutros monumentos e na restauración de diversos bens mobles da cidade. Destaca a aportación que se destinará á Catedral de Santiago para este ano, cun importe global de 337.490,32 euros. Ademais, actuarase no Pazo de Raxoi, o cemiterio do Rosario, a igrexa de San Paio de Sabugueira, a igrexa da Peregrina, a igrexa da Orde Terceira Franciscana; no enreixado, as cubertas e o acceso ao patio do convento de Santa Clara; a restauración da pintura mural e do banco de madeira do retablo maior da igrexa de Santa Mariña de Berdía, xunto co remate do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval.