O Consorcio restaura as pinturas renacentistas achadas detrás do retablo da igrexa de Berdía

venres, 20 Novembro, 2015

O Consorcio de Santiago realizou este ano varias obras na igrexa de Santa Mariña de Berdía, localizada na parroquia homónima, a uns dez quilómetros ao norte da cidade. Entre estas intervencións, restaurouse o retablo maior do templo, de orixe barroca, tralo que se acharon unhas pinturas de estilo renacentista, aínda sen datar con precisión. A restauración realizouna a empresa Parteluz cun orzamento global de 14.634,95 euros. 

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago que coordinou estes proxectos, Idoia Camiruaga, explica que, ao desmontar o retablo para a súa restauración, achouse, na parte posterior, unha pintura mural que representa unha Anunciación, composta polo anxo, a Virxe e o Espírito Santo en forma de paloma. “A calidade do trazado era moi boa, as cores sólidas e a composición clásica, de estilo renacentista italiano” -sinala a arquitecta-. Así, os expertos consideraron que a escena era susceptible de recuperarse mediante labores de restauración.

 

O estado de conservación das pinturas era moi deficitario

 

As dimensións da superficie pintada son de 3,23 metros de ancho e 3,20 metros de alto. O conxunto mural estaba nun estado de conservación moi malo, en proceso de degradación activo e moi afectado pola humidade. Perdera o 50% da superficie pintada. Había buratos feitos para as antigas ancoraxes do retablo ao muro que prexudicaran á pintura de xeito importante, así como salpicaduras de pintura branca do teito e restos de encalados anteriores realizados nas paredes do templo.

 

A película pictórica presentaba unha gran sucidade, co cal as cores mostrábanse esvaídas e sen forza. Así mesmo, había unha acumulación de sucidade superficial xeralizada, xunto con cal e restos de cemento e morteiro. Tamén se observaba en diferentes zonas da policromía un escorrentío de sales na superficie, danando a visión do conxunto. “A deterioración máis alarmante era que as pinturas ameazaban con desprenderse do muro, co que se perderían completamente de xeito irreversible” -salienta a restauradora encargada deste proxecto, Uxía Aguiar-.

 

O retablo colocouse de maneira que as pinturas poidan visitarse

 

A restauradora indica que se centraron na recuperación estética da obra orixinal, asegurando ao mesmo tempo a súa conservación futura. “Un dos primeiros pasos foi estabilizar estruturalmente o conxunto, é dicir, afianzar ao muro os restos que se conservan, e consolidar os substratos e a adhesión entre eles para frear a deterioración. Tamén foi preciso devolverlle as cores orixinais á policromía” -manifesta a restauradora-. 

 

Unha vez asegurada a conservación e a posta en valor dos restos atopados, levouse a cabo unha adecuación do contorno, de xeito que a convivencia de ambas pezas artísticas non representara un problema para ningunha delas. Así, a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio, de acordo co párroco, o propietario da igrexa (o Arcebispado) e os servizos de restauración da Xunta de Galicia, optou por montar o retablo un pouco adiantado con respecto á súa posición de orixe, co fin de deixar espazo suficiente que permita unha correcta conservación da pintura mural e a coexistencia das dúas importantes pezas.

 

Tamén se proxectou un mesado novo e un fronte de altar para sustentar o retablo e, ademais, posibilitar a entrada á traseira do mesmo dunha maneira doada, o que permitirá visitar as pinturas. 

 

A intervención no retablo

 

O restaurador que traballou no retablo, Andrés Martínez Rey, manifesta que se atopaba nun proceso de degradación activo, de xeito que os labores centráronse en recuperar a súa estética orixinal e garantir a súa conservación futura. Debido á existencia de perdas de soporte, contouse coa axuda dun carpinteiro para ensamblar de novo as pezas e reintegrar zonas localizadas mediante reposición de madeira nova. E recuperouse a policromía orixinal do conxunto, xa que o retablo e as diferentes esculturas que o compoñen foran repintados en períodos diferentes e quedaba oculta a capa de policromía e os seus dourados orixinais.