Restáuranse as reixas da fachada principal do convento de Santa Clara

martes, 1 Decembro, 2015

O Consorcio de Santiago interveu no enreixado das ventás da fachada principal do convento de Santa Clara. A obra, que se executou en tres meses, cun orzamento global de 40.931,98 euros, realizouna a empresa Construcciones y Rehabilitaciones Torres Cambre. Trátase da terceira fase da intervención, xa que en actuacións anteriores o Consorcio xa promoveu a restauración de varios tramos de reixas da fachada deste inmoble. 

 

O convento de Santa Clara presenta problemas nos enreixados das ventás de todas as fachadas. Pero especialmente importante é a fachada principal, polo perigo de desprendemento dalgunhas das pezas á rúa de Santa Clara. As reixas estaban corroídas, en particular nos seus engarces na pedra. Tiñan notables mermas de sección, que nalgúns casos non aseguraba a suxeición, co risco de caída que isto comportaba. Neste caso, interveuse na fachada da portería, do arquitecto Simón Rodríguez, da que se atoparon as monteas no pavimento da igrexa. “Trátase de reixas moi antigas, algunhas feitas con ferro de moi boa calidade, anterior á data de construción da fachada barroca e, probablemente, reutilizado a partir de reixas anteriores. Non apareceron selos que permitan a súa datación precisa” -explica a arquitecta do Consorcio que coordinou a intervención, Idoia Camiruaga-.

 

“Debido a que as reixas están unidas á pedra con chumbo, a súa durabilidade foi moi alta. Non obstante, o ferro das garras remata co paso do tempo e debido á intemperie por xerar óxido, o que provoca un considerable aumento do volume que non pode ser absorbido polo chumbo e que pode chegar a provocar a rotura da pedra” -indica a arquitecta-.

 

Ademais da posible caída dalgunha das reixas, algúns ocos das ventás presentaban fendas ou roturas que podían producir o desprendemento da pedra. Así, nalgunhas ventás foi necesario actuar tamén nos recercados da pedra, coa substitución dalgunha peza. 

 

“Nesta fachada, o gran peso do muro e do remate de grandes volumes do barroco de placas provocou algunhas pequenas deformacións que conlevaron roturas nalgunha das pedras dos trabateis e aperturas das xuntas da cantería. Un destes trabateis repúxose empregando pedra vella das mesmas características da existente, ata o punto que o cambio non se percibe dende á rúa” -sinala a arquitecta-.