Santiago preséntase en Cuenca como modelo de rehabilitación de cascos históricos

mércores, 20 Xaneiro, 2016

O Consorcio de Santiago participa en Cuenca nun foro de debate sobre a habitabilidade e a rehabilitación nos centros históricos, promovido polo Consorcio de Cuenca, no marco da celebración do 20º aniversario da declaración da cidade como Patrimonio da Humanidade. Na cita están presentes os tres consorcios que existen en España: Santiago, Cuenca e Toledo. Entre outros temas, estase a abordar como construír sobre o antigo; vivir, traballar, ter negocios e acceder aos cascos históricos; ou como convivir co turismo.


O Consorcio da Cidade de Cuenca vai elaborar un Plan de Xestión do seu casco histórico e, nesta liña, a experiencia de Santiago pode servirlle de modelo. Neste foro, o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Xosé Allegue impartirá unha conferencia centrada no labor do organismo interadministrativo en relación á vivenda histórica. Nesta liña, destaca a cifra de máis de 1.500 vivendas rehabilitadas ao longo dos últimos vinte anos no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

 

O arquitecto explicará os obxectivos do planeamento compostelán en política de vivenda, como son a fixación da poboación residente, a rehabitación con novos residentes, o mantemento da diversidade social e o reequilibrio da pirámide de idade. Tamén se referirá ao control dos usos no casco histórico compostelán, de cara a controlar a terciarización, así como a convivencia entre turistas e cidadáns. Explicará as políticas de vivenda levadas a cabo polo Consorcio de Santiago durante estes anos, en particular as axudas á rehabilitación privada e o programa de edificios tutelados.

 

Para o arquitecto do Consorcio as materias pendentes son a ausencia de vivenda pública en réxime de alugueiro no casco histórico, a necesidade de políticas proactivas de mobilización de vivendas baleiras e a mellora de dotacións e equipamentos a escala de barrio. Así mesmo, considera urxente resolver o problema da mobilidade, en concreto a incidencia dos vehículos sobre o pavimento histórico. Na súa intervención Allegue insistirá ademais no papel das infraestruturas e a importancia do espazo público neste ámbito.