O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a restauración do retablo da Virxe da Dolorosa da igrexa de San Miguel dos Agros, situada na praza homónima, á empresa Techne, Conservación e Restauración de Bens Culturais, S. C. O orzamento global desta intervención ascenderá aos 30.362,53 euros e os traballos terán un prazo de execución previsto de tres meses.
A igrexa de San Miguel dos Agros, ademais da nave principal, aos pés ten unha nave coñecida como “Capela da Dolorosa” ou "Capela dos Axustizados", na que oraban os condenados á forca e onde eran depositados posteriormente os seus cadáveres antes da inhumación. A capela está presidida por un magnífico retablo de estilo neoclásico datado no ano 1782, colocado sobre unha base de pedra que foi cuberta en período recente para engadirlle, entre outros elementos, unha mesa de altar. Así mesmo, a parte central do retablo foi modificada mediante a colocación dunha serie de gradas que non coinciden co deseño nin co percorrido orixinais, ademais de estaren afectadas polos xilófagos, igual que o resto da madeira do conxunto.
O retablo está moi afectado pola humidade
A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, explica que o ataque de xilófagos que sofre o retablo provoca a perda do material de soporte e superficial. Ao ben fáltanlle algunhas pezas (como partes do corpo dalgúns dos anxos…), ten engadidos sen relación estilística coa peza orixinal, elementos metálicos oxidados, repintes, perda de cor, gretas, acumula moita sucidade e está moi afectado pola humidade.
Os obxectivos desta intervención céntranse na estabilización dos materiais que conforman o retablo, a recuperación histórico-estética do conxunto, xunto co establecemento dunhas pautas axeitadas de conservación preventiva deste ben.
Así mesmo, levarase a cabo unha revisión dos elementos que constitúen o entorno da obra, como solos, cubertas, muros, sistema eléctrico… “O contorno representa un dos focos máis importantes de degradación polo que, para frear a deterioración da obra e devolverlle a súa magnificencia, cómpre erradicar os problemas ocasionados polos elementos que rodean o retablo” -sinala a arquitecta-. Estudarase a temperatura e a humidade do inmoble para poder avaliar a incidencia das condicións climáticas locais na conservación do ben.