
O Consorcio de Santiago inaugurou este venres 6 de xuño a exposición "Tras a pegada das musas", que recolle na Casa do Cabido obras da artista plástica compostelá María Eiras, de nome artístico Mareiras. No acto de apertura acompañaron á artistaa alcaldesa e presidenta do Consorcio Goretti Sanmartín Rei, o xerente do Consorcio José Antonio Domínguez e o coordinador da exposición Juan Conde Roa, quen leu unhas palabras da autora dos textos das salas, a profesora Begoña Álvarez Seijo, que se atopa nestes momentos no Wellesley College de Boston.
Esta mostra invita a realizar un camiño de recuperación e revalorización das mulleres artistas a través das obras de Mareiras, que ofrecen unha alternativa para reescribir e dar un novo significado aos modelos de musa e artista, invertendo estes roles tradicionais e reivindicando o lugar das mulleres como creadoras.
A exposición, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 a 21:00h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.
Musas creadoras
Na exposición "Tras a pegada das musas", Mareiras e o Consorcio de Santiago invitan aos asistentes a realizar un percorrido expositivo que fala de oito mulleres artistas cunha creatividade poderosa e singular: a condesa Oldini, Isabel Rawsthorne, Suzanne Valadon, Bella Chagall, Lidia Delectorskaya, Teresa Arijón, Celia Paul e Ethel Warwick. Ademais, Mareiras inclúe a súa propia musa masculina, Fausto. Deste xeito, a artista rompe co discurso artístico hexemónico e reivindica a posibilidade de que os homes encarnen o papel de musa.
Inspirada polo libro "A muller pintada" de Teresa Arijón, a intención das obras de Mareiras é revalorizar os nomes destas grandes creadoras, devolvéndolles o lugar na historia que se merecen e que o relato canónico lles negou.
Unha reivindicación necesaria
Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou a importancia desta mostra para a visibilización das mulleres creadoras, destacando a visión e o labor da artista compostelá María Eiras ao "rescatar determinadas figuras e cuestionar os cánones estéticos".
Asemade, reivindicou as mulleres artistas que Compostela acolleu ao longo da súa historia, como Dolores Rodeiro, Elvira Santiso e María Cardarelly, indicando que "son mulleres que son importantes e teñen unha obra importante, e o que temos que cuestionar é como estiveron representadas historicamente dende o punto de vista artístico".
Mareiras
María Eiras, de nome artístico Mareiras, é unha artista plástica e directora de "Mareiras Espacio de Arte", ubicado na rúa do Preguntoiro en Santiago de Compostela.
Mareiras ten participado en numerosas instalacións, exposicións individuais e colectivas e publicacións desde o 2011. En 2024, a súa instalación “Herba de namorar” foi seleccionada na Mostra de Arte Contemporánea de Ponte de Lima (Portugal), e foi exposta no MUTE (Museo dos Terceiros). No mesmo ano inaugurou a súa exposición “Viriditas” nos espazos comúns del Gran Hotel Los Abetos de Compostela. No 2020 participou na exposición colectiva "Des-facendo o xénero (a través da arte)" na Casa do Cabido de Compostela, organizada polo Consorcio de Santiago e comisariada por Ana Castro, a propia María Eiras e Begoña Álvarez Seijo que é a autora dos textos que acompañan á exposición inaugurada na Casa do Cabido.
A súa obra atópase na biblioteca da Cidade da Cultura (proxecto Inside), na Fundación Eugenio de Almeida (Portugal), na colección permanente do Casino de Compostela, na Xunta de Galicia (Consellería de Política Lingüística) e na colección de diversas empresas galegas, así como en múltiples coleccións particulares.