O Consorcio de Santiago e a Editorial Bolanda presentaron este xoves 17 de xullo na facultade de Medicina as publicacións "Los inicios de la neurocirugía en Galicia: el profesor Dr. D. Francisco Reyes Oliveros (1922-2008)", do autor Alejandro Arroyo Córdoba, e "Museo Nacional de Anestesia", de Avelino Franco Grande, Vicente Ginesta Galán, Jorge Fernández Rodríguez, Julián Álvarez Escudero e Joaquín Cortés Laíño. A primeira obra pertence á Biblioteca Científica Compostelana do Consorcio, mentres que o segundo libro forma parte da Biblioteca de Divulgación Xacobea desta entidade.
Na presentación das publicacións estiveron presentes: José Carreira Villamor, Decano da Facultade de Medicina; José Antonio Domínguez Varela, Xerente do Consorcio de Santiago; Francisco Reyes Santías, coautor; Jorge Fernández, Responsable do Museo Nacional de Anestesia e Antonio Couto Rego, de Bolanda Edicións.
A obra "Los inicios de la neurocirugía en Galicia: el profesor Dr. D. Francisco Reyes Oliveros (1922-2008)" é o resultado da investigación do traballo de fin de grado de Alejandro Arroyo Córdoba. Ao longo das súas páxinas realizouse unha revisión bibliográfica e documental sobre o inicio da Neurocirurxía en Galicia, destacando a gran importancia da figura de Francisco Reyes Oliveros e o seu labor docente como profesor de Neurocirurxía, difusión de técnicas innovadoras, amplo traballo científico e meritorio traballo na Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía. Francisco Reyes Oliveros chegou a Santiago de Compostela no 1954 traballando na sección de neurocirurxía do servizo do doutor Puente Domínguez, onde atopou un ambiente propicio para avanzar na especialidade. Posteriormente, o doutor Reyes converteuse no primeiro xefe do servizo de neurocirurxía en 1965, ata a súa xubilación aos 70 anos, deixando atrás unha gran escola que seguirá os seus pasos.
Por outra banda, o libro colectivo "Museo Nacional de Anestesia" pretende dar a coñecer a historia e a evolución da anestesia e a cirurxía durante os séculos XIX e XX, poñendo o foco na historia do Museo Nacional de Anestesia de Santiago de Compostela. Este naceu en 1981 coa intención de recuperar o valioso material disperso en diversos centros sanitarios de Galicia, permanecendo desde o ano 2001 na facultade de medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Neste tempo ampliou notablemente os seus fondos e consolidouse como centro de referencia internacional. É o único museo do seu xénero en España e o segundo máis antigo de Europa.