
O Consorcio de Santiago publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de limpeza, restauración e conservación do Arco de Mazarelos, un dos elementos patrimoniais máis singulares da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. O orzamento base de licitación ascende a 87.640,88 euros (IVE incluído) e o prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 4 de setembro de 2026.
A intervención ten como obxectivo garantir a conservación deste monumento mediante unha actuación de restauración que permita frear o seu deterioro e mellorar as súas condicións de conservación, sempre desde o máximo respecto aos seus valores históricos, arquitectónicos e patrimoniais.
Actuacións previstas
As obras contemplan a limpeza e restauración dos paramentos, a eliminación da vexetación e da colonización biolóxica presente sobre a fábrica, así como a consolidación dos elementos de cantaría e cachotaría que presentan deterioro.
A actuación permitirá tamén resolver os problemas derivados da entrada de auga de chuvia mediante o saneamento e mellora da estanquidade da parte superior do arco e dos encontros cos edificios lindeiros, evitando as filtracións que afectan ao monumento. Ademais, procederase á revisión dos encintados, á reparación de elementos deteriorados e á retirada ou recolocación daqueles elementos alleos ao monumento que alteran a súa percepción, como instalacións, cableados, placas ou outros engadidos realizados ao longo do tempo.
Os traballos están orientados a garantir a estabilidade e durabilidade do conxunto, favorecendo a súa correcta conservación e a posta en valor dun dos elementos máis representativos da antiga muralla compostelá.
Unha das antigas portas de Compostela
O Arco de Mazarelos constitúe a única porta da segunda muralla medieval de Santiago que se conserva e, ademais, no seu lugar orixinal. Formaba parte do recinto defensivo impulsado a partir do século XI e daba acceso á vía procedente de Ourense, converténdose durante séculos nun importante punto de entrada de mercadorías á cidade.
Segundo recolle o Codex Calixtinus, por esta porta entraba tradicionalmente o viño do Ribeiro, aínda que tamén era paso habitual dos cereais procedentes de Castela, consolidándose como un espazo ligado ao comercio e á actividade económica da Compostela medieval.
Co progresivo derrubamento da muralla entre os séculos XVIII e XIX, o Arco de Mazarelos converteuse no principal vestixio conservado das antigas portas da cidade. A súa restauración permitirá preservar este elemento excepcional do patrimonio compostelán e reforzar o seu valor histórico como testemuña da evolución urbana de Santiago de Compostela.