Iníciase a restauración do retablo da capela de San Roque de Sabugueira

xoves, 16 Outubro, 2014

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago está a promover a conservación e restauración do retablo maior da capela de San Roque de Sabugueira, na Lavacolla, que se atopa en moi mal estado. A intervención, cun orzamento de 14.507,90 euros, comezou a principios deste mes e estará rematada antes de finais de ano. As restauradoras encargadas dos traballos son María Dolores Lago Arce e María Isabel Vázquez Rodríguez.

 

A capela é de traza barroca de finais do século XVIII, aínda que a súa fundación pode ser do XVI, e forma parte do conxunto arquitectónico do Camiño Francés a Santiago. Só se abre ao culto unha vez ao ano, coincidindo coa festividade de San Roque.

 

A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que a capela ten unha soa nave de planta rectangular, en cuxa cabeceira se sitúa o retablo, composto de dous corpos, aos que no século XIX se lles engadiron tres hornacinas, o frontal do altar e, aos lados deste, senllas credencias.

 

San Roque vestido de peregrino

 

O primeiro corpo divídese en tres rúas separadas entre elas por catro columnas de estilo xónico. No retablo só queda unha imaxe, situada na hornacina central. Trátase dunha pequena talla de madeira de San Roque vestido de peregrino, coa capa con esclavina e un sombreiro de ás co relevo dunha cuncha de vieira na súa cara frontal, ensinando a úlcera que ten na perna. Vai acompañado de dúas personaxes alusivas ao santo: un neno, que representa o anxo que o curou, e un can cun anaco de pan na boca. San Roque leva ademais o bordón e a cabaza, ambos engadidos posteriores. 

 

O segundo corpo tamén está organizado en tres rúas separadas por catro columnas xónicas. A hornacina central está ocupada por unha cruz de madeira moi sinxela. “Pode que os fondos das tres hornacinas non sexan orixinais, xa que o moteado que as decora parece o mesmo que leva o anxo que acompaña ao santo. E o moteado do anxo é un repinte, polo que estes fondos tamén serían posteriores” -indican as restauradoras-. 

 

Pinturas murais agochadas polo cemento

 

“Temos comprobado que anteriormente ao retablo houbo pinturas murais que agora se atopan case na súa totalidade ocultas por un morteiro de cemento que se aplicou a toda a igrexa. Tamén detrás dunha das credencias atopamos os restos dunha policromía sobre morteiro moi deteriorada” -sinalan as restauradoras-.  

 

No corpo orixinal as cores están escurecidas polos vernices e ocultas parcialmente por repintes, cos detalles que se quixeron destacar dourados á auga. Na parte do retablo correspondente ao século XIX destaca unha escea da vida do santo, aínda que está moi cuberta polo verniz. E a policromía orixinal da imaxe de San Roque está tapada por sucesivos repintes. 

 

Recuperarase a policromía do conxunto e a solidez da súa estrutura

 

O estado de conservación do retablo é moi deficiente. Ten sufrido cambios ao longo do tempo que se reflicten nos engadidos posteriores ao seu núcleo central. Obsérvanse mutilacións, diversidade de elementos estruturais engadidos, desaparición dalgúns elementos, xunto cunha incidencia importante da humidade e dos xilófagos. Todo isto ten provocado que a súa estrutura se atope moi debilitada e que teña o corpo superior desprazado cara ao muro.

 

O máis grave do estado de conservación do retablo céntrase na súa estrutura, sometida a un ataque intensivo da couza, atraída pola existencia de elementos de madeira de piñeiro engadidos ao longo do tempo. A estrutura da imaxe de San Roque tamén está moi deteriorada. E téñense perdido elementos pola acción da humidade, dos xilófagos ou mesmo pola intervención humana, en particular en esculturas, pequenos detalles decorativos, molduras…

 

A finalidade da intervención é aplicar todos os tratamentos necesarios que permitan recuperar a solidez estrutural do retablo e o seu saneamento, garantindo a súa conservación futura. Ademais, restaurarase a policromía do conxunto, mantendo a súa coherencia estilística.