O Consorcio de Santiago saca a concurso a finalización do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval. Será o documento guía que marcará os usos, mantemento e funcións deste conxunto monumental. O presuposto base da licitación é de 96.686,73 euros e estímase un prazo de execución dos traballos de 15 meses.
O conxunto que forman as antigas dependencias do Convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, está declarado Ben de Interese Cultural dende o ano 1912. O Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela catalógao como de “nivel 1”, é dicir, que recoñece a excepcional calidade arquitectónica e valor histórico, artístico e cultural do conxunto. E establece que as actuacións nos edificios monumentais de especial valor arquitectónico deben rexerse por un Plan Director de Restauración.
O Consorcio de Santiago promoveu a redacción inicial dun Plan Director do Conxunto, a través da contratación de distintos documentos de estudo. O seguinte paso é a redacción dun Plan Director completo. Para o seu correcto desenvolvemento créase unha Comisión de Seguimento formada por técnicos e/ou representantes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Concello e o Consorcio de Santiago, a Arquidiocese de Santiago, o Padroado do Museo do Pobo Galego e a Confraría do Rosario.
O Plan Director marcará o proceso de conservación erehabilitación e/ou reestruturación do conxunto. Establecerá os distintos niveis e tipos de intervención en cada un dos edificios que o forman, os seus usos máis axeitados, así como un plan de conservación e/ou restauración das súas fábricas e instalacións. Así mesmo, debe contemplar os bens mobles contidos en cada edificio e unha estratexia museográfica xeral.
O Concello de Santiago é propietario do convento, cedido ao Padroado do Museo do Pobo Galego para o seu uso público como museo. Parte da ala sur do convento está cedida para oficinas dos servizos de Protección do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e outra parte úsaa a Concellaría de Cultura do Concello de Santiago como sala de exposicións (Zona C). O Concello é responsable dos espazos verdes circundantes e da contorna urbana. O Arcibespado de Santiago é titular da igrexa, que na actualidade non ten culto e a miúdo dedícase a espazo expositivo. O Panteón de Galegos Ilustres, xestionado polo Parlamento de Galicia, ocupa unha capela da igrexa. E a Confraría do Santo Rosario ten en propiedade a capela do Rosario e o seu cemitero anexo para uso privado.