O Consorcio de Santiago conecta cunha pasarela de unión o conxunto de San Domingos de Bonaval

Inauguración da pasarela do Museo do Pobo Galego
venres, 6 Xuño, 2025

O Museo do Pobo Galego acolleu hoxe a inauguración da pasarela de unión entre a ala sur e o corpo principal do conxunto de San Domingos de Bonaval, un proxecto que facilita a circulación entre as áreas expositivas do Museo do Pobo Galego. No acto estiveron presentes a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; a vicepresidenta primeira do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela e a arquitecta da oficina técnica do Consorcio encargada do proxecto, Idoia Camiruaga.

 

Na actuación colocáronse dous elementos, unha pasarela sobre a escaleira do claustro e un tímpano de sectorización de incendios que segrega a ala sur en caso de necesidade, cunha resistencia mínima ao lume de 30 minutos. Ademais, serve tamén para manter a autonomía orixinal da ala sur e permitir unha mellor regularización das condicións climáticas en relación ao corpo principal do convento.

 

Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou a importancia da pasarela como mellora do acceso ao ala sur, destacando que "da apertura a este edificio e vai a conseguir que máis xente queira visitar o Museo".

 

Asemade, destacou as intervencións feitas polo Consorcio no conxunto de San Domingos de Bonaval por un importe de máis de 3.000.000 millóns de euros, indicando que "as obras de mellora eran absolutamente necesarias e absolutamente imprescindibles".

 

O proxecto foi redactado polos arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago e é levado a cabo pola empresa TRAGSA (Empresa de Transformación Agraria, S.A.) por un importe total de 130.436,26 €. O material de madeira empregado na construción da pasarela foi doado pola empresa Finsa.

 

Esta actuación completa a realizada no ano 2020 polo Consorcio de Santiago de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para a ampliación do Museo do Pobo Galego.