No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, vaise intervir na igrexa de San Paio de Sabugueira, situada na Lavacolla. Os traballos, cuxo orzamento global ascende aos 18.554,44 euros, centraranse na cuberta e na fachada principal do templo e está previsto que rematen no prazo de dous meses.
A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, explica que “a finalidade desta intervención é reparar a cubrición do templo, eliminando as plantas superiores dos encontros entre tellado e torre-campanario; ademais de limpar a fachada principal, de fábrica de cantería”.
A arquitecta sinala que o aspecto exterior da igrexa, sobre todo pola súa cara sur, vese moi degradado pola cantidade de fungos e algas que colonizan a superficie das revocaduras. Pola súa parte, a torre-campanario e os remates superiores da fachada amosan algunha invasión de plantas que enraizan nas xuntas e encontros entre elementos construtivos. Ademais, a cuberta atópase en mal estado, xa que ten moitas tellas desprendidas, co risco que supón para o normal uso do adro e do cemiterio. A pesar disto, non hai filtracións de auga pola existencia de placas de fibrocemento debaixo das tellas.
A intervención na cuberta
Na cuberta do templo substituirase toda a tella e levarase a cabo unha limpeza das pranchas de fibrocemento que hai debaixo das mesmas. “Prevese a colocación dunha peza especial de cinc-chumbo de remate no cumio do tellado, baixo a tella, para asegurar a ventilación da cámara baixo o fibrocemento” -indica Camiruaga-. Así mesmo, efectuarase unha revisión dos encontros entre o tellado e o remate da fachada principal, coa colocación de babeiros de chumbo ou de cinc-chumbo.
A intervención na fachada principal da igrexa e no campanario
Por outra parte, levarase a cabo a limpeza da pedra no remate da fachada e nos encontros coa cuberta, para o que se empregará cepillo de cerdas e auga sen presión. Tamén se limparán as xuntas da pedra, co fin de eliminar as raíces das plantas; e, de ser necesario, aplicaranse produtos biocidas. A mesma intervención realizarase na torre-campanario, buscando que os sobresaíntes actúen como bota-augas e non reteñan a auga da choiva.