Preséntase un libro sobre as orixes da Catedral Románica de Santiago

martes, 9 Decembro, 2014

En el principio: Génesis de la Catedral Románica de Santiago de Compostela é unha obra dirixida por José Luis Senra, profesor de Historia da Arte da Universidade Complutense de Madrid. Está coeditada polo Consorcio de Santiago, Teófilo Edicións e a Fundación Catedral de Santiago. Presentouse no Museo das Peregrinacións e de Santiago (Praza das Praterías), coa asistencia, ademais do autor, do alcalde de Santiago, Agustín Hernández; o editor José Luis Teófilo; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

 

Esta publicación é o resultado dun proxecto de investigación desenvolto por un equipo multidisciplinar, coordinado polo profesor Senra e integrado por investigadores do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC (José Miguel Andrade), do Departamento de Historia da Arte da USC (Mercedes López-Mayán) e da Universidade Complutense de Madrid, expertos en Historia da Arte da Universidade de Warwick no Reino Unido (Jennifer Alexander) e do CSIC (Therese Martin). Céntrase nas orixes da catedral románica de Santiago, entre 1070 e 1100, posiblemente o período menos estudado do templo compostelán, que se corresponde co episcopado de Diego Peláez.

 

No libro abórdase o contexto histórico, o culto e a cultura na Catedral compostelá no século XI, os talleres do primeiro proxecto catedralicio, xunto cos sistemas construtivos e a iconografía nas fases iniciais do templo. Tal como salienta o profesor Senra, “a Catedral de Santiago álzase como a estrutura máis ambiciosa de cantas foron proxectadas na Península Ibérica entre os séculos XI e XII”. Segundo os investigadores, o proxecto do edificio podería ter chegado a mans do bispo Diego Peláez en 1075, coa chegada á cidade dos seus responsables, coñecedores da ambiciosa arquitectura iniciada en Francia.

 

Neste estudo confírmase que, transcorridos máis de quince anos dende que se recibira, o proxecto inicial experimentou cambios importantes durante a edificación.Os novos sistemas organizativos de traballo e a aparición de novas solucións morfolóxicas e espaciais apuntan a unha sofisticación do concepto orixinal. Ademais, coincide coa chegada de cualificados escultores de diversas procedencias.

 

A marcas de cantería indican como se construíu o templo

 

Un dos aspectos máis importantes desta investigación é a catalogación e interpretación, por primeira vez, de todas as marcas de cantería que se conservan nas primeiras fases construtivas da Catedral de Santiago, correspondentes ás zonas orientais do templo. Nesta liña, continuouse co labor emprendido anos antes no bloque occidental da catedral.

 

“Neste estudo móstrase a ampla gama de información que aporta a investigación detallada das marcas de cantería no estudo dun edificio medieval. Ademais de permitir distinguir as diferentes fases construtivas, neste caso das zonas orientais da catedral, desvelan a maneira de construír edificios altamente ambiciosos que se enmarcan dentro dos inicios do estilo románico” -destaca o autor-. 

 

O total de marcas documentadas e analizadas no marco deste proxecto supera as 2.300. Con excepción dos elementos decorativos como capiteis e molduras, atópanse marcas en todas as superficies pétreas do templo. Adoitan ter o aspecto de letras maiúsculas ou signos sinxelos como frechas, círculos ou volutas, con formas tanto rectilíneas como curvas, que se poden reproducir con rapidez aplicando normalmente de un a cinco golpes co cincel, aínda que tamén hai marcas máis elaboradas.

 

Un sistema doado de comprender para os obreiros, case todos analfabetos 

 

Tal como apuntan os investigadores, “a marca de canteiro é un sistema práctico para a construción de edificios grandes e complexos que requirían moita man de obra e que adoitaban contar cunha sucesión de mestres a cargo do conxunto. Sen un sistema fácil de comprender e reproducir por obreiros, na maioría analfabetos, sería imposible levantar un edificio da envergadura da Catedral de Santiago”. 

 

“O feito de que estes signos quedaran á vista non é unha casualidade, senón un testemuño dun sistema construtivo que favorecía a colocación correcta dos perpiaños. Un número elevado de marcas visibles indica que os canteiros recibiron instrucións sobre o lado que deberían destacar co seu signo para facilitar a montaxe. Como se ten comprobado noutros casos, o número de marcas é limitado na construción datada antes de 1090 pero vai en aumento a partir dese momento” -explica o profesor Senra-.

 

Froito deste estudo, a través das marcas individualizadas, saíu á luz a presenza dunha cincuentena de canteiros nas fases iniciais da cabeceira, dirixidos por dous mestres de obra, que terían unha experiencia anterior neste tipo de construcións e buscarían talleres ou canteiros formados na boa labra dunha pedra difícil de manipular como é o granito. Estes conformarían a parte máis profesionalizada do gran número de individuos involucrados nas obras. Entre os traballadores non profesonais, contouse con escravos musulmáns, presos de guerra, que terían traballado en labores duros que non esixían a formación de canteiro, como portando pedras, area ou cal. Ao seu lado traballaron persoas que buscaban o sustento para sobrevivir, tanto homes como mulleres.