O Consorcio de Santiago rematou a obra de eliminación de filtracións pluviais no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Os traballos realizounos a empresa Francisco Gómez y Cía, S.L. por un importe de 124.900 euros.
O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago que coordinou este proxecto é Xosé Allegue. Sinala que no edificio houbo dous ámbitos de actuación. O primeiro refírese ao volume superior que pecha a sala principal do palacio, onde se producían filtracións de auga a través do chapado de pedra de granito existente. O segundo é a fachada inferior de prefabricados de formigón, que, por saturación a consecuencia da presión do vento, filtraban auga á cara interior da fachada.
O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia levaba tempo sufrindo problemas de filtracións de auga. Con anterioridade xa se realizaran varias reparacións na cuberta e tamén na fachada inferior do edificio. Estas intervencións previas foron delimitando as causas de entrada de pluviais ata deixalas restrinxidas aos dous ámbitos que se abordaron neste proxecto.
Intervención na cuberta superior
Na cuberta superior desmontouse a fachada existente, eliminouse a espuma de poliuretano proxectado e as ancoraxes da pedra. Instaláronse uns paneis de tres centímetros de espesor para favorecer o deslizamento da auga da chuvia. E incorporáronse novas ancoraxes de aceiro inoxidable, garantindo a estanqueidade absoluta. Finalmente recolocouse a pedra preexistente e levouse a cabo unha limpeza con chorro da cara exterior da pedra.
Intervención na fachada inferior
Na fachada inferior fixéronse dous tipos de intervención. A primeira consistiu na aplicación, en dúas mans e previo lavado, dunha emulsión impermeabilizante, un produto tratado ademais con funxicidas. A segunda centrouse na instalación de canles de evacuación de chapa de aceiro inoxidable.