Un libro recolle a historia dos fotógrafos con estudio propio na Compostela do século XIX

luns, 25 Febreiro, 2019

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publicaron As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do XIX. Trátase dunha obra pioneira, resultado de anos de fonda investigación, que achega descubrimentos sorprendentes do nacemento da arte fotográfica en Galicia. O fotohistoriador Carlos Castelao, de orixe asturiana e afincado en Compostela dende 1988, ofrece un traballo rigoroso, moi documentado e enormemente didáctico.

 

É o traballo máis completo que se coñece sobre a fotografía dunha cidade galega nun período concreto, con máis de 350 imaxes, moitas delas inéditas

 

O volume está ilustrado con máis de 350 imaxes, moitas delas totalmente inéditas, como é o caso dunha vista do claustro da Catedral realizada por Andrés Cisneros en 1858. O autor comeza situando os albores da fotografía en Galicia, para presentar de seguido o máis completo traballo coñecido ata o de agora sobre a fotografía dunha cidade galega nun período concreto.

 

Nesta publicación recóllense as precursoras e precursores da nova arte da imaxe en Santiago de Compostela. Nesta liña, trázase a biografía de ata 24 profesionais que tiñan estudio fotográfico propio na cidade nesta época. De varios deses estudios non se conserva ningunha obra e doutros apenas existen exemplos dela. Neste traballo demóstrase a interrelación nunha maioría deles, unha preponderante ideoloxía común progresista ou un habitual achegamento á masonería.

 

Inclúese a historia completa do primeiro fotógrafo galego con estudio comercial propio, situado na rúa Nova. Trátase de Andrés Cisneros, cuxa actividade en Compostela céntrase entre os anos 1856 e 1858. Son pioneiras as fotografías escénicas de Santiago que fixo en 1858 con motivo da Exposición Rexional dese ano, e que regalou logo á Raíña Isabel II en formato de álbum.

 

Mulleres fotógrafas e o neno fotógrafo, un caso insólito na historia

 

O libro relata tamén a historia de mulleres pioneiras neste eido como a zaragozana María Cardarelly, que traballou en Compostela entre 1864 e 1866, con estudio na rúa do Hórreo. Foi a primeira fotógrafa en Galicia e unha das primeiras en España. A pesar de que só se coñecen catro exemplos da súa produción, dous deles son dunha gran transcendencia histórica, posto que retratou a Rosalía de Castro en 1865. Unha desas fotos atopouna en 2013 o presidente da Fundación Rosalía de Castro pegada nunhas páxinas manuscritas integradas nun exemplar de Cantares gallegos. A outra imaxe pertence ao arquivo da Real Academia Galega.

 

A segunda muller que abriu un gabinete fotográfico na cidade foi a tamén zaragozana Juana Cabello, con actividade en Compostela no ano 1884 e estudio na rúa do Franco. Foi ademais a nai do neno fotógrafo Luis Hermida. O rapaz estivo activo na cidade entre 1885 e 1887 e consta que fotografaba dun xeito profesional alomenos dende os oito anos. Ademais, é un caso insólito na historia, posto que o gabinete fotográfico levaba o seu nome, é dicir, que oficialmente encargábase da dirección da empresa. Só se coñece unha foto asinada por el, a inauguración do monumento a Casto Méndez Núñez situado na Alameda compostelá, o 28 de xullo de 1885. Por outro lado, o investigador Carlos Castelao suxire que a derradeira fotografía de Rosalía de Castro, datada en setembro de 1884, na que aparece acompañada de Murguía e de cinco dos seus fillos no xardín da Casa da Matanza, podería ser autoría deste neno ou da súa nai.

 

No libro figuran códigos QR para ampliar a información sobre cada fotógrafo

 

Nalgúns capítulos desta obra figuran códigos QR que convidan a atopar máis información sobre o fotógrafo tratado en cada caso. Este código enlaza co blog de Carlos Castelao http://memoriadaimaxe.blogspot.com, no que se irá actualizando toda a información con novos descubrimentos neste eido.

 

Con esta publicación “búscase unha visión máis próxima á fotografía dos nosos pioneiros e que os retratos biográficos de cada un dos nosos fotógrafos sexan un punto de inicio para coñecer con máis profundidade o seu labor e interpretar máis axeitadamente a súa obra”  -salienta o investigador-.