Visita do alcalde ao Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación

martes, 23 Setembro, 2014

O Consorcio de Santiago está a traballar na restauración, rehabilitación e posta en valor da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba para a súa conversión en Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, único no territorio nacional. O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago, e conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.

 

Esta mañá o alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Agustín Hernández, visitou as obras para coñecer a súa evolución. Estivo acompañado pola concelleira de Patrimonio, María Antón; o director xeral da Fundación, Enrique Corral; o xerente en Galicia da Fundación, Fernando García; o presidente da Comisión Territorial de Galicia da Fundación, Antón Arias; o arquitecto responsable do proxecto orixinal, Víctor López Cotelo; e o arquitecto do Consorcio que coordina o proxecto e dirixe as obras, Ángel Panero

 

Este centro será o primeiro en España destinado de xeito específco á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. Formará cada ano a entre 2.000 e 2.500 profesionais en diferentes especialidades como a madeira, a cantería, a forxa ou o metal. O alcalde, Agustín Hernández, salientou que “debe entenderse como unha oportunidade para o impulso de políticas activas de formación para o emprego cualificado e estable. É unha ferramenta estratéxica para combater o desemprego, impulsar a economía local e xerar riqueza e oportunidades asociadas á rehabilitación e conservación do patrimonio histórico”.

 

A Fundación Laboral da Construción adquiriu os terreos e as intalacións da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, á beira do río Sarela, que foi unha das máis importantes de Santiago. Este curtidoiro formou parte do movemento de construción deste tipo de establecementos industriais que se produciu na cidade dende finais do século XVIII e durante gran parte do XIX, que convertería en poucos anos a Santiago no principal centro curtidor de España. 

 

A parcela adquirida pola Fundación ten unha extensión total de 23.132 m2. No recinto intramuros, delimitado e pechado por un gran muro de mampostería que linda co río Sarela, atópanse as edificacións existentes da antiga fábrica. Na actualidade hai dúas obras en marcha por un importe global de 2.992.489,33 euros, que estarán completamente rematadas durante o mes de novembro.

 

Obras nas edificacións existentes

 

Por un lado, estase a concluír a primeira fase de rehabilitación das edificacións existentes, financiada de xeito íntegro polo Consorcio de Santiago a través de Fondos Feder e desenvolta pola empresa Tragsa. Esta obra, cun orzamento de 962.207,61 euros, céntrase na execución de 1.400 m2 de cuberta completa de zinc, panel de illamento e estrutura de madeira sobre as edificacións existentes. Ademais, levouse a cabo a consolidación dos muros e o acondicionamento interior de 300 m2 como oficina da Fundación Laboral da Construción no centro.

 

Novas construcións con talleres de cantería, forxa-metal e carpintería

 

Por outro lado, a Fundación adxudicoulle á empresa Acciona a execución de novas construcións no recinto intramuros do curtidoiro cunha extensión total de 2.195,53 m2. Trátase de almacéns, vestiarios e varias naves-taller de formación especializadas en cantería, forxa-metal e carpintería. O orzamento destas construcións ascende a 2.030.281,72 euros e o seu remate prevese para finais de novembro. 

 

A segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes

 

Unha vez que se rematen as obras en curso, para que o centro poida comezar a ser operativo será preciso executar a segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes. Esta segunda fase ten un custo estimado duns 1.150.000 euros e consistirá no acondicionamento interior das edificacións que agora se cubriron e que se destinarán a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo.

 

O prazo de execución destas obras estímase en cinco meses e considérase que poderán executarse sen complicacións durante este outono e inverno, de maneira que o Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación podería comezar a funcionar na primavera do vindeiro ano.

 

Tal como manifestou o alcalde, “o apoio do Consorcio de Santiago é determinante para o éxito e remate das obras e a entrada en funcionamento do centro”. Ademais da dirección das obras, a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago presta apoio técnico cualificado no desenvolvemento do proxecto.