O Consorcio de Santiago convoca axudas para o acondicionamento dos locais comerciais da Cidade Histórica, co obxectivo de incentivar a mellora dos establecementos, da súa imaxe comercial e da súa integración na contorna.
Que se subvenciona?
- Obras de adecuación dos locais, incluíndo reformas e habilitación das instalacións destinadas a mellorar a imaxe comercial do establecemento.
- Mobiliario expositivo necesario para o desenvolvemento da actividade e de uso exclusivo nas superficies de exposición e venda.
- Reparacións simples, decoracións e ornatos que non impliquen modificacións da estrutura construtiva do establecemento.
- Mellora ou substitución de rótulos comerciais, sempre que as actuacións respecten a normativa urbanística e de protección da Cidade Histórica e se integren adecuadamente na contorna.
Beneficiarios
Poderán solicitar estas axudas as persoas autónomas, pequenas e medianas empresas, cooperativas, sociedades civís, comunidades de bens e outras unidades económicas sen personalidade xurídica que desenvolvan unha actividade comercial ou de servizos aberta ao público nun establecemento permanente situado na Cidade Histórica.
As persoas ou entidades solicitantes deberán ser titulares da actividade e contar coa propiedade do local ou cun título xurídico válido que lles permita desenvolvela.
Requisitos dos locais
- Estar situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela (PE-1).
- Estar instalados en edificios cunha antigüidade superior aos 10 anos.
- Cumprir as determinacións establecidas pola normativa urbanística e de protección da Cidade Histórica.
Actividades que poden acollerse
Entre as actividades incluídas están o comercio polo miúdo, como alimentación especializada, moda, calzado, complementos, fogar, decoración, agasallo, papelería, librarías, artesanía e produtos locais; o comercio cultural, como librarías e galerías de arte; e determinados servizos persoais e de atención directa ao público, así como outras actividades de prestación de servizos con atención presencial.
Quedan excluídas, entre outras, as actividades de hostalaría e restauración, os aloxamentos turísticos, as actividades industriais non vinculadas á venda directa ao público, o xogo e as apostas, as grandes superficies e os establecementos sen atención presencial á clientela.
Contía da subvención
A axuda poderá cubrir ata o 50 % dos gastos subvencionables, cunha contía máxima de 10.000 euros por beneficiario.
O gasto mínimo subvencionable será de 1.000 euros.
Visita técnica previa
Antes de presentar a solicitude será necesario solicitar unha visita de inspección técnica previa.
O persoal técnico do Consorcio comprobará o estado do local, asesorará sobre as posibilidades de mellora da adecuación do establecemento e dos seus rótulos e informará sobre a normativa aplicable á convocatoria.
Só poderán ser subvencionadas as actuacións para as que se realice esta visita previa e conten cun informe favorable dos servizos técnicos do Consorcio.
Convocatoria para a concesión de subvencións a locais comerciais da cidade histórica de Santiago de Compostela, para a mellora da súa competitividade e imaxe no exercicio 2026, publicada no BOE nº 225 do 11 de setembro de 2026.
O prazo para solicitalas é ata o martes 13 de outubro de 2026 no Rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59. Tel. 981 57 47 00), no Rexistro Electrónico ou por calquera dos medios admitidos na Lei de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común, facendo chegar por fax ao Consorcio (981 57 47 50) ou por correo electrónico (gerencia@consorciodesantiago.org) o resgardo da solicitude o mesmo día da presentación.
