Inícianse as obras no Palacio de Congresos

venres, 7 Novembro, 2014

O Consorcio de Santiago vén de adxudicar a obra de eliminación de filtracións pluviais no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, por un importe de 124.900 euros. A empresa Francisco Gómez y Cía, S.L. acaba de comezar os traballos e prevese que as intervencións previstas no edificio estean rematadas no prazo de dous meses.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago que coordina este proxecto é Xosé Allegue. Sinala que existen dous ámbitos de actuación no edificio. O primeiro refírese ao volume superior que pecha a sala principal do palacio, onde se producen filtracións de auga a través do chapado de pedra de granito existente. O segundo é a fachada inferior de prefabricados de formigón, que, por saturación a consecuencia da presión do vento, filtran auga á cara interior da fachada. 

 

O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia leva tempo sufrindo problemas de filtracións de auga. Con anterioridade realizáronse varias reparacións na cuberta e tamén na fachada inferior. Estas intervencións previas foron delimitando as causas de entrada de pluviais ata deixalas restrinxidas aos dous ámbitos que se abordan neste proxecto. 

 

Intervención na cuberta superior

 

Na cuberta superior desmontarase a fachada existente, eliminarase a espuma de poliuretano proxectado e as ancoraxes da pedra. Instalaranse uns paneis de tres centímetros de espesor para favorecer o deslizamento da auga da chuvia. E incorporaranse novas ancoraxes de aceiro inoxidable, garantindo a estanqueidade absoluta. Finalmente recolocarase a pedra preexistente e realizarase unha limpeza con chorro da cara exterior da pedra.

 

Intervención na fachada inferior

 

Na fachada inferior levaranse a cabo dous tipos de intervención. A primeira consistirá na aplicación, en dúas mans e previo lavado, dunha emulsión impermeabilizante, un produto tratado ademais con funxicidas. A segunda centrarase na instalación de canles de evacuación de chapa de aceiro inoxidable.