Rematan as obras na igrexa de San Agustín

martes, 10 Febreiro, 2015

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras na igrexa de San Agustín, centradas na limpeza da súa fachada, e que se iniciaran a principios do mes de decembro. Abordáronse en particular os problemas de crecemento de plantas e de entrada de auga a través das xuntas da pedra da fachada. A intervención, executada pola empresa TRYCSA, tivo un orzamento global de 49.292,40 euros.

 

Tal como indica o arquitecto do Consorcio responsable desta obra, Pablo Tomé, “a limpeza xeral da fachada principal da igrexa e das súas dúas torres consistiu na eliminación das plantas, algas, musgos e liques con cepillo manual e auga sen presión para non danar as xuntas nin a pedra. Tamén se retirou a vexetación superior desenvolta sobre unha grosa capa de substrato vexetal, xerado pola sucesiva acumulación de restos vexetais”. Neste proceso conseguiuse eliminar media tonelada de plantas. 

 

As campás da torre sur

 

Ademais da limpeza de vexetación, na fachada principal da igrexa de San Agustín consolidáronse tres dos apoios das campás da torre sur. Para iso inxectouse un tipo especial de resina nas fisuras existentes cun microcosido dos fragmentos con aparente risco de desprendemento.

 

O rosetón da fachada sur

 

A vidreira exterior do rosetón da fachada sur presentaba grandes problemas de humidade, polo que foi obxecto dunha especial intervención. O enmasillado da vidreira estaba moi alterado, o que se convertía nun punto importante de entrada de auga. Así, de cara a favorecer a evacuación da auga no rosetón, cambiouse o sistema de selado por outro máis seguro. Tamén se fixo un goteirón na parte inferior das doelas e restaurouse a carpintería metálica, repuxéronse os cristais rotos e, finalmente, aplicouse unha pintura protectora ao selado. 

 

Por outro lado, a auga filtrada dende o rosetón afectaba en boa medida á parte inferior do muro, polo que esta parte da igrexa pintouse cunha pintura ao silicato cunha cor idéntica á existente.