Rematan as obras na igrexa de Santa María de Figueiras

mércores, 11 Febreiro, 2015

No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo fóra da cidade histórica, acaban de rematarse as obras na igrexa de Santa María de Figueiras, de orixe románica. A finalidade era atallar o problema de entrada da auga da choiva a través do campanario e que afectaba ao inmoble. A obra, realizada pola empresa Rehabilita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L., centrouse na cuberta e nos remates exteriores e interiores do templo, cun orzamento global de 22.687,50 euros.

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable desta obra, Idoia Camiruaga, indica que se limpou a fachada principal, de cantería, en especial o campanario, no que se eliminaron os restos das xuntas dos planos horizontais, moi danadas e espidas. “Rexuntáronse de novo, o máis profundamente posible, con argamasa de cal con áridos con propiedades hidráulicas, rematando superficialmente con argamasas tratadas con áridos mesturados para dar unha cor similar á das fábricas” -explica-. Tomáronse con chumbo algunhas pezas do sistema de toque das campás, que estaban soltas, e fíxose o mesmo coa cruz de ferro do remate e o pararraios. 

 

A intervención no exterior e no interior da igrexa 

 

Por outra parte, limpáronse e tratáronse con biocidas os paramentos exteriores. Eliminouse a pintura de toda a superficie exterior da igrexa, na que finalmente se aplicou unha pintura ao silicato que permitirá o paso do vapor de auga, co que se facilitará a eliminación da humidade dos muros. 

 

O paramento interior dos muros da igrexa estaba recebado con argamasa de cemento e area, unha revocadura “moi pouco permeable ao vapor da auga”. Así, levantouse a revocadura das partes baixas dos muros, rexuntáronse con cal e empregouse unha pintura ao silicato para aumentar a aireación e diminuír a humidade relativa no interior do templo, de xeito que non dane as pinturas murais recentemente restauradas polo Consorcio. Tamén se pintou a porta principal da igrexa, de madeira, pois tiña moitas marcas da auga e da humidade.

 

A intervención na cuberta 

 

Debido a que a auga da choiva entraba pola cuberta, substituíuse a tella que se atopaba en mal estado. Tamén se colocou unha protección especial de chumbo entre a cuberta e o campanario da igrexa para recoller as augas pluviais e evitar que se filtren ao interior do edificio. Por outro lado, instalouse unha lámina de fibra de polietileno de alta densidade, que permitirá o paso do vapor de auga pero non o da auga líquida. Ademais, procedeuse tanto á limpeza de canlóns como de baixantes.