O pintor, debuxante e gravador Carlos Maside nacía fai 118 anos en San Xulián de Requeixo, no concello de Pontecesures. No ano 1932 instálase na casa número 42 da compostelá rúa do Vilar, lugar no que o Concello e o Consorcio de Santiago acaban de colocar unha placa en homenaxe a unha das referencias máis destacadas dentro das vangardas pictóricas galegas e figura clave do renacemento artístico e cultural da nosa comunidade. No acto estiveron presentes o alcalde da cidade, Agustín Hernández; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; Xulio Maside, sobriño do pintor; xunto con membros da Plataforma Carlos Maside, entre outros asistentes.
A súa estancia na cidade de Santiago lévao a participar en varios faladoiros como os do café Derby e El Español; con diferentes artistas e intelectuais da época como Ánxel Casal, Valle-Inclán, Xosé Eiroa, Luis Seoane, Otero Pedraio, Ramón Piñeiro ou García-Sabell, entre outros.
Este centro histórico de Compostela foi motivo de inspiración para Maside, as súas rúas, prazas, monumentos e soportais constituían para el unha cuestión de espazo, tal e como queda reflectido no texto da placa conmemorativa.
As súas visitas á carballeira de Santa Susana quedaron para a posteridade en numerosos apuntamentos que despois traspasaba aos seus lenzos, nos que destacaba como un recurso case permanente a figura feminina. Maside foi un adiantado artisticamente ao seu tempo e niso influíu a súa estancia en París, onde recibe influencias de Cézanne, Van Gogh ou Gauguin que aplica á súa pintura pero sempre sen perder a súa identidade galega.
A Maside importáballe non só o resultado final da súa obra, senón tamén todo o proceso de elaboración, polo que se preocupaba de estudar e investigar os medios e así chegou a establecer relacións con diferentes artesáns, marmoristas ou ebanistas de Compostela. Froito da súa relación con diversos intelectuais da época é a cantidade de cartas manuscritas inéditas que atesoura a súa familia e que este ano verán a luz grazas ao Consorcio de Santiago.