Horario de verán na Casa do Cabido

luns, 6 Abril, 2015

O museo da Casa do Cabido, na Praza das Praterías, iniciou o 1 de abril o novo horario de verán, que se prolongará ata finais do vindeiro mes de outubro. Durante este período, o museo abrirá as súas portas de martes a sábados, de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 17:00 a 21:00 horas en horario de tardes (ata agora era de 16:00 a 20:00 horas); e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido permanece pechada.

 

Exposición conmemorativa dos 125 anos da Escola Mestre Mateo

 

Na actualidade o museo acolle a exposición conmemorativa dos 125 anos da Escolade Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, que permanecerá ata mediados do mes de xullo. Esta mostra, realizada polos estudantes da especialidade de Arquitectura Efémera do centro como proxecto do curso, reúne pezas e material antigo, xunto cunha selección de obras realizadas polos alumnos da escola nas diferentes especialidades ao longo destes anos. Así, poden contemplarse esculturas feitas en materiais diversos, pezas repuxadas, estilismos de moda, xoias, fotografías, vídeos, instalacións de arquitectura efémera e unha gran variedade de produtos deseñados polos alumnos.

 

En 2011 o Consorcio de Santiago rehabilitou o edificio como sede de exposicións

 

No ano 2011 o Consorcio de Santiago rehabilitou por completo o edificio barroco coñecido como Casa do Cabido, na praza de Pratarías. A obra supuxo unha restauración completa do inmoble, que se adaptou para o seu novo uso cultural. O proxecto de rehabilitación, dirixido dende a Oficina Técnica do Consorcio, respectou ao maximo a concepción e os materiais orixinais do edificio, unha das máis altas expresións de arte barroca na cidade, trazado por Clemente Fernández Sarela no século XVIII. Na actualidade é sede de exposicións temporais.