Día Internacional do Libro na Casa do Cabido

martes, 21 Abril, 2015

O xoves 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. Con motivo desta conmemoración, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido ao longo da xornada, tanto adultos como ao público infantil e xuvenil.

 

Todos os exemplares que se porán a disposición dos visitantes están relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia en Santiago. Pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio. Así, o organismo posúe un total de seis coleccións diferenciadas: a biblioteca facsimiliar, a científica, a biblioteca de divulgación xacobea, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.

 

Os visitantes da Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición que conmemora os 125 anos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. A mostra, realizada polos estudantes da especialidade de Arquitectura Efémera como proxecto do curso, reúne pezas e material antigo, xunto cunha selección de obras realizadas polos alumnos do centro nas diferentes especialidades ao longo destes anos. Así, poden contemplarse esculturas feitas en materiais diversos, pezas repuxadas, estilismos de moda, xoias, fotografías, vídeos, instalacións de arquitectura efémera e unha variedade de produtos deseñados polos alumnos.

 

A Casa do Cabido abrirá o xoves no seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 21:00 horas pola tarde.