Presentación de “Tránsitos” de Abe Rábade

domingo, 26 Abril, 2015

O afamado pianista e compositor compostelán de jazz Abe Rábade compuxo unha obra para a Real Filharmonía de Galicia. A peza estrearase esta semana, interpretada polo trío que lidera o músico nun concerto coa RFG. Será o xoves día 30, coincidindo co Día Internacional do Jazz, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Ademais, a orquestra desprazarase o venres a Ourense, onde actuará de novo xunto a Abe Rábade Trío na Praza de Santa Eufemia, ás 22:00 horas, no marco do XIX Festival de Jazz de Primavera. En ámbalas citas levará a batuta o director titular da RFG, Paul Daniel.

 

Esta mañá presentouse a obra en rolda de prensa, coa asistencia do propio Abe Rábade e de Paul Daniel. Tamén interviron o director técnico da RFG, José María Montes; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

 

A xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou que “o Consorcio iniciou hai anos unha colaboración directa da Real Filharmonía de Galicia con músicos e entidades musicais da cidade, cooperación que pretendemos intensificar, como o caso deste proxecto co músico compostelán de proxección internacional Abe Rábade e do que nos sentimos particularmente orgullosos”. 

 

Pola súa parte, o director titular da RFG, Paul Daniel, manifestou que “a evolución dunha orquestra clásica pasa por abrirse a outros estilos e Abe Rábade é un dos mellores músicos e compositores de jazz no ámbito internacional”. Nesta liña, o director técnico da orquestra, José María Montes, subliñou “el gran interés de la orquesta en conectar dos mundos musicales tan diferentes como son el jazz y la música clásica. Para la orquesta es un gran privilegio participar en este proyecto musical, tocando una obra de este gran artista y contando además con él para su interpretación”.

 

Abe Rábade puxo de manifesto que “facía moitos anos que non tiña tanta ilusión en acometer un proxecto”

 

Abe Rábade expresou a súa emoción ante este proxecto tan novidoso. “Non podemos correr o risco de deixar que a música deixe de estar viva, é necesario que entre aire fresco. Por iso para min foi unha sorpresa enorme que a Real Filharmonía de Galicia tivese a iniciativa de manter unha colaboración conmigo como músico de jazz para compoñer unha obra para unha orquestra sinfónica”.

 

“Facía moitos anos que non tiña tanta ilusión en acometer un proxecto. Que teñas a oportunidade de dedicarlle dous anos a unha composición, neste caso unha peza orquestral, e que se estree na túa cidade e coa orquestra da túa cidade… é un soño feito  realidade e que denota unha apertura de mente por parte da Real Filharmonía de Galicia. Isto non é habitual nunha orquestra europea e é fantástico” -declarou esta mañá o compositor galego-.

 

A obra Tránsitos divídese en catro movementos que xiran en torno a catro composicións orixinais de Abe Rábade, tres das cales xa están gravadas en discos da agrupación e unha é inédita, aínda que o trío xa a ten tocado en varias ocasións. “Cada unha das pezas ten un desenvolvemento orquestral único, asumo a linguaxe musical que os músicos dunha orquestra e o público que asiste a concertos de música clásica están acostumados a tocar e a escoitar. A obra está escrita para orquestra pero no seu 50 por cento segue a ser jazzística. O resultado vai ser moi chamativo para o público que non está habituado a escoitar jazz pero moi atractivo tanto para os que van interpretar a obra como para quenes a van escoitar en Santiago e Ourense” -manifesta o músico-.