O Consorcio de Santiago licita a intervención no enreixado das ventás da fachada principal do convento de Santa Clara. A obra, cun prazo de execución estimado de tres meses, sae a concurso público por un importe de 49.917,04 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 8 de xuño.
Trátase da terceira fase da intervención, xa que en actuacións anteriores a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago xa promoveu a restauración de varios tramos de reixas da fachada deste inmoble.
O Convento de Santa Clara presenta problemas nos enreixados das ventás de todas as fachadas. Pero especialmente importante é a fachada principal, polo perigo de desprendemento dalgunhas das pezas á rúa de Santa Clara. As reixas están corroídas, en particular nos seus engarces na pedra. Teñen notables mermas de sección, que nalgúns casos non asegura a suxeición, co risco de caída que isto comporta.
“Debido a que as reixas están unidas á pedra con chumbo, a súa durabilidade foi moi alta. Non obstante, o ferro das garras remata co paso do tempo e debido á intemperie por xerar óxido, o que provoca un considerable aumento do volume que non pode ser absorbido polo chumbo e que pode chegar a provocar a rotura da pedra -indica a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga-.
Ademais da posible caída dalgunha das reixas, algúns ocos das ventás presentan fendas ou roturas que poden producir o desprendemento da pedra. Así, nalgunhas ventás será necesario actuar tamén nos recercados da pedra, coa substitución dalgunha peza.