Renóvase a cuberta do Convento do Carme

mércores, 10 Xuño, 2015

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a terceira fase da intervención no Convento do Carme, situado na rúa de Santa Clara. As obras, cun orzamento de 104.266,12 euros e iniciadas en decembro do pasado ano, foron realizadas pola empresa Elecnor, S.A. Os traballos centráronse na renovación da cuberta do inmoble, en particular na substitución das placas de fibrocemento e da tella existente. 

 

A arquitecta do Consorcio que coordinou este proxecto é Lourdes Pérez. Explica que a cuberta do convento está composta por unha estrutura principal de madeira que vai adoptando diversas tipoloxías segundo a súa situación. Sobre esta estrutura principal disponse unha segunda composta por correas de madeira. A estas correas fíxanse as placas onduladas de fibrocemento mediante anclaxes metálicas. Sobre estas placas colócase tella cerámica curva e por todo o perímetro da cuberta canlón metálico.

 

Tal como sinala a arquitecta do Consorcio, “a cuberta presentaba problemas de impermeabilización en diversos puntos. A entrada de auga producíase de xeito xeneralizado a través do propio fibrocemento, que, cando chovía, empapábase de auga, deixándoa pasar á súa cara interior, pola que escorría ata que se precipitaba en forma de goteira ao topar cunha correa de madeira”.

 

Nesta terceira fase procedeuse á substitución de toda a cubrición de placas de fibrocemento e tellas existentes dos faldróns afectados polos problemas de impermeabilización. Tamén se revisou a estrutura de madeira da cuberta e substituíronse os elementos que estaban deteriorados por outros novos de madeira de castiñeiro.

 

O Convento do Carme é do século XVIII. En 1753 execútanse os cimentos do edificio e en 1758, sen estar rematado de todo, trasládanse ao mesmo as irmás da Orde de Carmelitas da Reforma de Santa Teresa, de clausura rigorosa. O Consorcio de Santiago realizou dúas intervencións anteriores no conxunto, centradas tamén na renovación de parte da súa cuberta. Nunha primeira fase renováronse os faldróns da cuberta da igrexa e parte dos faldróns da cuberta do convento. Na segunda fase renováronse os faldróns correspondentes á zona de noviciado, situada trala cabeceira da igrexa.