O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. No marco da xuntanza, aprobouse a convocatoria de axudas do “Programa Localízate”, dirixido á mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética, á mellora da imaxe exterior e ao acondicionamento interior dos locais comerciais da cidade histórica de Santiago. O Consorcio destinará este ano a este programa un total de 100.000 euros.
Estas subvencións enfócanse á realización de obras que melloren a accesibilidade, que favorezan a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), mellora da imaxe externa, obras de mellora do interior, acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.
O orzamento mínimo será de 3.000 euros e o máximo de 30.000 €. A subvención acadará o 40 % do orzamento aceptado.
En canto á avaliación das solicitudes, darase preferencia á apertura de novos locais actualmente sen uso. Respecto á actividade da empresa, valorarase a súa repercusión no desenvolvemento do tecido económico local. Tamén se primará a mellora da accesibilidade do local, a redución do consumo enerxético e a mellora da súa imaxe exterior.
Redacción do Plan Director do Pazo de Raxoi
No transcurso da Comisión aprobouse tamén un convenio co Concello de Santiago para a redacción do Plan Director do Pazo de Raxoi. O Plan establecerá as pautas de restauración en función dun estudo previo exhaustivo do edificio. Fixará o programa detallado de uso e as condicións de adecuación ao mesmo; e preverá as actuacións de rehabilitación, reestruturación parcial e valoración arquitectónica compatibles coa protección do edificio.
Convenio coa Real Academia Galega de Belas Artes
Durante a xuntanza deuse conta ademais dun convenio de colaboración entre o Consorcio e a Real Academia Galega de Belas Artes para o desenvolvemento dunha exposición sobre o Mestre Mateo que promoverá a academia e se exhibirá no Museo do Prado de Madrid a finais deste ano. O Consorcio aportará 10.000 euros á realización desta mostra, que tamén contará co financiamento de Turismo de Galicia e o Xacobeo.