Reordenaranse as obras da Orde III Franciscana logo da aparición dunha colonia de cirrios

luns, 12 Setembro, 2016

O Consorcio de Santiago reordenará a intervención programada para a renovación da cuberta e das fachadas sur e oeste da igrexa da Orde Terceira Franciscana, a causa da aparición dunha colonia de cirrios (vencejos), unha especie protexida que está agora en fase de reprodución. A institución rehabilitadora, que xa se puxo en contacto coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO BirdLife) para recabar información pertinente, indica que os andamios previstos na zona onde aniñan estas aves se colocarán dentro de dúas ou tres semanas, “sen necesidade de parar as obras en curso”.

 

A SEO xa advertira de casos similares na rehabilitación da Muralla de Lugo e a ponte romana ourensá: “O principal motivo de inquedanza radica na posibilidade de que durante os traballos se tapasen ocos e fendas que as aves usan para aniñar. Trátase dunha especie protexida e, por tanto, causar molestias ou destruír os seus niños durante a época de reprodución –que transcorre entre os meses de abril e agosto– pode chegar a ser constitutivo de delito”.

 

Gustavo Ferreiro, representante da SEO en Galicia, subliña a importancia e necesidade de compatibilizar o patrimonio arquitectónico e o patrimonio natural, “porque é perfectamente factible, non engade gastos e a convivencia entre os dous é moi importante; pensemos que estas aves se alimentan de milleiros de insectos. Só é cuestión de ter sensibilidade tamén coa biodiversidade”.