Comezan as obras no claustro da Colexiata de Sar

xoves, 4 Maio, 2017

Acaba de comezar a obra de aplicación de revocadura de saneamento nos paramentos interiores do claustro da Colexiata de Sar. A firma encargada da intervención é a Unión Temporal de Empresas SAR, por un importe global de 46.645,17 euros. O prazo previsto de execución das obras é de dous meses.

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Lourdes Pérez. Explica que “os paramentos interiores do claustro están revocados cun morteiro de cemento desaxeitado e afectados por humidade de capilaridade, de xeito que a humidade penetra de forma líquida nos cimentos dos muros por debaixo do nivel do chan. O muro absorbe esta humidade e os poros transportan a auga por capilaridade ata arriba en sentido contrario á gravidade. Por riba do nivel do chan, a auga evapórase e as sales cristalizan e destrúen a pintura e o soporte”.

 

A Colexiata de Sar, cuxa fundación data da primeira metade do século XII, está catalogada como edificio singular no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela.

 

Protexeranse as pezas artísticas de cantería

 

Antes de actuar sobre os paramentos interiores do claustro, vanse retirar as pezas artísticas de cantería que hai no mesmo, co fin de protexelas. Son cornixas, doelas, tapas de sarcófago e capiteis; que están fixados aos muros con garras metálicas deterioradas.  Almacenaranse nunha estancia na planta baixa do corpo claustral, adxacente ao museo e ao claustro, ata que se avance nun programa expositivo para a súa posta en valor.

 

O seguinte paso será substituír a revocadura de cemento deteriorada por unha nova revocadura de saneamento, de volume de poros especialmente elevado, de xeito que a auga se evapore dentro da revocadura e as sales se acumulen nos grandes poros co fin de que non rebente a revocadura. O acabado final será de pintura transpirable de silicato.