A oitava edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación comezará o próximo 17 de abril

CEGOR 2025
mércores, 11 Febreiro, 2026

A oitava edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR), organizado por Fundación Laboral de la Construcción de Galicia en colaboración e con financiamento do Consorcio de Santiago, comeza o próximo 17 de abril. O curso abre a súa inscrición, dirixida a profesionais de diferentes perfís técnicos, pero co denominador común do interese na construción e rehabilitación. Preto de 150 técnicos/as galegos/as participaron dende 2019 nesta especialización, referente para os/as profesionais da industria da construción de Galicia.


Esta acción formativa, que se impartirá de forma presencial os venres pola tarde e os sábados pola mañá na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba rehabilitada como Centro de Formación de Santiago (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño) da entidade paritaria, representa unha especialización única en España nun dos campos da construción máis en auxe hoxe en día e dos máis necesitados de persoal con coñecemento especializado: a rehabilitación.  


A rehabilitación, motor económico e valor patrimonial


O cambio na cultura da construción que se está producindo no século XXI en todo o mundo, á hora de intervir sobre o construído, e a importancia de conservar o valor arquitectónico e artístico do patrimonio galego, que impacta directamente en sectores como o turismo que o necesitan para seguir crecendo, supuxo un impulso á reforma de vivendas e á rehabilitación en xeral.


Dende Fundación Laboral de la Construcción de Galicia e o Consorcio de Santiago, destácase a importancia desta formación para impulsar non só as estratexias de renovación urbana e rehabilitación, senón porque a rehabilitación é un motor económico á vez que axuda a lograr un parque de vivendas máis sostible e habitable, algo fundamental para conseguir unha sociedade cuns estándares de calidade de vida mellores e para reducir o impacto medioambiental.


Formación con 40 profesionais da rehabilitación


De aí a necesidade de que os profesionais do sector, con e sen experiencia, pero con inquietude pola rehabilitación e renovación urbana,adquiran os coñecementos que o CEGOR facilita ao seu alumnado con ata 40 expertos/as recoñecidos/as da rehabilitación, a través de clases teóricas e talleres prácticos sobre as distintas técnicas e oficios da rehabilitación como estucado, cantería, forxa ou madeira, así como visitas a empresas para coñecer distintos materiais construtivos.


Baixo a coordinación do arquitecto Ángel Panero, o CEGOR achega unha visión integral da xestión dunha obra de rehabilitación, comezando pola súa xestión administrativa e legal ante diferentes administracións, pasando pola súa xestión económica, polas súas instalacións e eficiencia enerxética, e polo coñecemento de materiais e técnicas en obradoiros e visitas.


Para consultar máis información e inscricións, visita a web do CEGOR.