A reunión do Consello de Administración do ente interadministrativo validou esta subida que permitirá retomar as intervencións en monumentos senlleiros como a Facultade de Xeografía e Historia, o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e o Arco de Mazarelos, así como continuar o investimento en edificios propios como o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia
O Consorcio de Santiago realizou este venres o seu Consello de Administración, retomando así aqueles puntos que quedaron adiados na anterior reunión do 20 de decembro. A xuntanzas tivo lugar no Pazo de Vaamonde e estivo presidida pola presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei. En representación da Administración Xeral do Estado acudiu o Inspector Xeral do Ministerio de Facenda, Ángel Esteban Paul, e, por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos López-Prado; a secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Elvira Mª Casal García; e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila López. Tamén estiveron os concelleiros Gonzalo Muíños, Borja Verea e María Rozas como concelleira convidada.
Na xuntanza aprobouse o orzamento para o vindeiro ano, que ascende a 11.204.098,66€. As achegas das tres administracións consorciadas son de 5.799.792€ por parte da Administración Xeral do Estado, 3.449.295,60€ da Xunta de Galicia e 1.678.475,82€ do Concello de Santiago. Todas comunicaron publicamente que as súas achegas ao Consorcio para o exercicio 2025 medrarán, por segunda vez consecutiva, un 10%, o que se reflicte nestes orzamentos. Esta suba permitirá retomar o investimento en edificios propios, como o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.
Dentro dese investimento, ao Programa de Rehabilitación, Mantemento e Recuperación Urbanas destinaranse 2.318.570,21€; mentres que ao Programa de Dinamización Cultural e Turística, que inclúe a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, irán 6.242.809,67€ e ao Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da cidade destinaranse 403.588,98€. Por último, no Programa de Administración, Dirección Xeral e Mantemento e Conservación do Patrimonio Propio investirase un total de 2.239.159,80€.
Intervencións de rehabilitación
Entre as novas obras rehabilitación aprobadas para este 2025 con esta segunda subida do 10% están as intervencións en monumentos senlleiros como a Facultade de Xeografía e Historia, o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, o Arco de Mazarelos, o Pazo de Bendaña e a fonte da Praza de Praterías.
Tecido residencial
No que se refire ao tecido residencial, en 2025 a pretensión do Consorcio é continuar coa súa liña de axudas dentro do programa “Ter É Manter”, destinadas ao mantemento das envolventes exteriores e á rehabilitación das carpinterías de madeira e reixas dos edificios de titularidade privada. Porén, en aras da necesaria coordinación institucional e o uso eficiente de recursos públicos, debido a que o Concello de Santiago ten aberta unha convocatoria para a rehabilitación de vivendas da Cidade Histórica con cargo ao Plan Estatal de Vivenda cun solape importante con esta liña de axudas do Consorcio, agardarase a ver o resultado desa convocatoria en canto ao número e contía das subvencións. En caso de necesidade, dotaríase á convocatoria 2025.
Aprobación das bases da nova xerencia
No marco desta reunión tamén se aprobaron a bases para a convocatoria do concurso público onde se elixirá a persoa que quedará a cargo do organismo, relevando así a Belén Hernández Lafuente na Xerencia do Consorcio de Santiago.