Con motivo da conmemoración dos 800 anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, reeditouse o estudo biográfico San Francisco de Asís (siglo XIII), de Emilia Pardo Bazán, publicado en 1882, posto que na actualidade non se dispón de ningunha edición accesible. O estudo preliminar é de José Manuel González Herrán, catedrático de Literatura Española da Universidade de Santiago e coordinador do Grupo de Investigación “Emilia Pardo Bazán” da USC, ao que tamén pertencen os outros dous colaboradores no volume. Trátase de Javier López Quintáns, que preparou a edición do texto, cotexando as tres edicións aparecidas en vida da autora (1882, 1886 e 1906) e Cristina Patiño Eirín, que recuperou para o apéndice dous textos inéditos de Pardo Bazán.
A publicación, coeditada polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, preséntase esta tarde no Museo das Peregrinacións e de Santiago (Praza das Praterías), ás 19:30 horas. Ao acto asistirá o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; o editor Henrique Alvarellos; ademais do profesor González Herrán e o seu equipo colaborador.
Dona Emilia consideraba este extenso e erudito traballo sobre San Francisco de Asís e a Europa do século XIII como unha das súas obras máis logradas. De feito, o libro foi un dos máis populares en vida da autora. Pardo Bazán dedicou a publicación “a los frailes Menores, hijos de San Francisco, de Compostela”, cuxa biblioteca consultou como fonte principal das súas pesquisas. A autora centrouse nesta obra entre 1878 e 1881, mesmo se instalou unha temporada na cidade de Santiago para indagar sobre o santo.
“Esa mujer tiene mucho talento”, manifestou Menéndez Pelayo ao ler a obra
Os avances dos seus traballos recóllense no fragmentario Diario de mi vida (1879), manuscrito que se conserva incompleto, e tamén se ten noticia dos mesmos grazas á correspondencia que a escritora mantiña con Menéndez Pelayo. Unha vez publicado o libro, o erudito manifestaba así a súa favorable opinión sobre o mesmo a Gumersindo Laverde Ruíz, catedrático da Universidade compostelá: “Me encanta el San Francisco de Emilia Pardo. Esa mujer tiene mucho talento”; mesmo chegou a cualificalo como “uno de los libros modernos más bellos de la literatura castellana”.
O libro ofrece un amplo panorama da Historia da Igrexa e da Cristiandade, dende a súa orixe ata tempos recentes
A segunda edición do libro, de 1886, reimpresa en 1890, tivo moi boa acollida, en particular no mercado americano, ao que ía dirixida. Tal difusión e o feito de que as edicións existentes estivesen xa esgotadas, motivaría a decisión de Pardo Bazán de reeditar este título como integrante das súas Obras completas, en 1903, en dous tomos, que se reimprimiron varias veces ata os anos corenta do pasado século. Tamén houbo edicións en Arxentina (1946) e México (1945 e 1982), pero na actualidade a obra é practicamente inaccesible, agás ocasionais aparicións no mercado do libro antigo ou algúns exemplares que gardan determinadas bibliotecas.
Tal como explica o profesor José Manuel González Herrán, “este libro non só trata do santo, senón tamén do seu tempo, para constituír un amplo panorama da Historia da Igrexa e da Cristiandade, dende a súa orixe ata tempos recentes”. Nesta liña, o investigador sinala que “a biografía do santo, os seus primeiros compañeiros e a fundación da súa orde ocupa menos da metade do libro, mentres que se dedican nove capítulos a estudar o que poderiamos chamar a pegada de San Francisco, é dicir, a Orde Terceira, o papel da muller na súa Orde (e as mulleres “franciscanas” ao longo da historia), o seu sentimento da natureza, o concepto de pobreza franciscana; así como a súa inspiración nas artes, a ciencia, a filosofía e a poesía”.
González Herrán salienta que “cando pasaron máis de 130 anos dende que se escribiu o libro, como obra literaria segue a ser unha excelente mostra do mellor da autora: a súa capacidade para recrear imaxinativamente épocas, ambientes, personaxes; o seu dominio no manexo da lingua; e o seu prodixioso acopio de información histórica e literaria”.
Dous valiosos documentos, unha carta e unha conferencia escritas por Emilia Pardo Bazán
Esta edición incorpora dous valiosos documentos de dona Emilia, ambos os dous procedentes do Fondo Documental sobre Pardo Bazán que se conserva no Arquivo da Real Academia Galega. Por un lado, unha carta-dedicatoria inédita, de 1878, manuscrita e dirixida aos frailes do convento de San Francisco, en Santiago de Compostela, como agradecemento á súa colaboración. En principio a escritora valorara antepoñer esta carta como prólogo na súa obra pero finalmente, por razóns que se descoñecen, decidiu non incluíla. Ademais, nesta reedición recóllese a conferencia “San Francisco e a guerra”, orixinalmente mecanografada, que os investigadores pensan que dona Emilia pronunciou en Santiago, no convento de San Francisco, un 4 de outubro de entre 1914 e 1918.