A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promove a restauración e conservación do retablo maior da igrexa de Santa Mariña de Berdía, localizada na parroquia de Berdía, a uns dez quilómetros ao norte da cidade. Os traballos, cuxo orzamento ascende a 19.178,50 euros, poderían estar rematados en tres meses. O restaurador responsable deste proxecto, Andrés Martínez Rey, manifesta que a intervención no retablo vai destinada a recuperar a súa estética orixinal e a garantir a súa conservación no tempo.
A igrexa de Santa Mariña de Berdía é de estilo Barroco e data de principios do século XVIII. Está construída en sillería de granito e foi concibida para ser visualizada de perfil, en contra da frontalidade; polo que na fachada apréciase un xogo de volumes moi propio da teatralidade barroca.
O retablo maior, duns 3,5 metros de alto, está situado no muro da cabeceira da igrexa. Na parte superior central destaca a imaxe da patroa, Santa Mariña, acompañada por San Isidro Labrador á súa dereita e San Roque á esquerda. No corpo inferior sitúase no centro a imaxe de Santa María da Inmaculada, á súa dereita o Sagrado Corazón e á esquerda a Virxe do Carme. Estas dúas tallas non corresponden a este retablo, pola súa datación histórica e polas medidas das mesmas, moi superiores ao resto.
Os problemas de soporte
A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago que coordina este proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que “o retablo atópase nun deficitario estado de conservación, nun proceso de degradación activo. Presenta problemas de ancoraxe, con alteración de materia e pérdida de soporte en diversos puntos. Hai gretas e separación entre as pezas estruturais como consecuencia dos movementos naturais da madeira e a oxidación do soporte, por estar en contacto con cravos envellecidos”.
Ante esta situación, e tal como salientan os restauradores, “é importante estabilizar estruturalmente o retablo e consolidar o soporte, prevendo o posterior ataque de insectos xilófagos que o destrúen. No futuro cómpre manter estables as condicións ambientais de humidade e temperatura de cara a garantir un bo estado de conservación do conxunto”.
Debido á existencia de pérdidas de soporte, contarase coa axuda dun carpinteiro que ensamble de novo as pezas e reintegre zonas localizadas mediante reposición de madeira nova, en particular de carballo ou de teca. “Primeiro desinsectarase a madeira do retablo e de cada unha das tallas de modo preventivo. E levarase a cabo unha limpeza superficial de po e sucidade. Logo eliminaranse todos os elementos inútiles que foron colocados en intervencións anteriores como o cableado da instalación eléctrica antiga, cravos e ancoraxes que xa non cumpren a súa función” -explica o restaurador Andrés Martínez-.
Recuperarase a policromía orixinal do conxunto
O retablo e as diferentes esculturas que o compoñen foron repintados en períodos diferentes e ocultan a capa de policromía e os dourados orixinais. Por outro lado, de xeito xeneralizado, hai acumulación de suciedade na superficie, que en casos concretos está adherida. Destaca en particular a presenza de restos de cera ou verniz mal aplicados.
Os restauradores consideran que é necesario estabilizar a capa pictórica orixinal, previa limpeza e eliminación dos repintes existentes. Logo reintegrarase cromaticamente a superficie con acuarelas ou pigmentos ao verniz. E aplicarase un verniz final co fin de protexer a capa pictórica.