A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de rematar a intervención na igrexa de San Miguel dos Agros, situada na praza de San Miguel. As obras centráronse na reparación da cuberta e na substitución dos enfoscados das fachadas laterais. O orzamento global dos traballos ascendeu aos 67.215,50 euros.
Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable do proxecto, Ramón Fernández Hermida, “de modo xeneralizado, a cuberta do templo presentaba un mal estado de conservación, con falta de moitas tellas e con outras moitas rotas, xunto coa existencia de musgo e plantas. Así, procedeuse á retirada de toda a tella, que se substituíu por outra nova”.
Aínda que o estado dos muros das fachadas laterais deste inmoble do século XVIII era bo, a capa de morteiro presentabafisuras e desprendementos. Deste xeito, tiveron que picarse todos os enfoscados destas fachadas, realizando un novo enlucido con morteiro de cal en tres capas e, finalmente, procedeuse á aplicación dunha pintura de silicato.
Ademais, nos muros do templo había moita humidade, producida por unha mala evacuación das augas pluviais, con canlóns atascados e mesmo algúns inexistentes. Como solución, limpáronse os canlóns, colocáronse algúns novos e outros reemprazáronse por uns de maior tamaño.
Por outro lado, tamén había zonas con humidade no baixo cuberta e no interior do templo. “Estas humidades xeraban desprendementos na pintura e provocaban a aparición de fungos. A orixe destas patoloxías estaba nas filtracións da auga da choiva, que entraba polos encontros da cuberta coas fachadas. Estes problemas resolvéronse mediante a colocación dunha lámina de chumbo e babeiros de zinc-cobre” -explica o arquitecto-.