O Consorcio de Santiago celebrou esta semana Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Agustín Hernández. Entre os temas abordados na orde do día destaca a aprobación das bases da convocatoria dunha liña de axudas para a rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago.
O Consorcio destinará un total de 150.000 euros para estas axudas, o que representa un incremento do 87,5% con respecto ao investimento da convocatoria anterior. A finalidade é mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico.
Estas subvencións están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.
Requisitos para acceder ás axudas
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; e as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior aos 20 anos.
Primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Tamén se valorará o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda, a uso comercial, sociocultural ou asistencial; e con ocupación ou actividade permanente.