Na Casa do Cabido, na Praza das Praterías, remata este venres a exposición “Santiago Cidade Ilustrada”, que reúne máis de 60 obras de distintos ilustradores españois e estranxeiros que retrataron a cidade de Santiago de Compostela nas súas creacións, en particular na literatura infantil e xuvenil e o cómic.
Aproveitando que durante a fin de semana as salas de exposicións da Casa do Cabido quedan baleiras, o Consorcio convida a todos os cidadáns e visitantes a asistir a un curioso espectáculo na segunda planta do edificio. O sábado e o domingo os interesados terán a oportunidade de ver, en total escuridade, a imaxe da Torre do Reloxo da Catedral proxectada de xeito invertido nas paredes do interior da Casa do Cabido.
As cámaras escuras representan a orixe da fotografía e o cine
En 2011 o Consorcio rehabilitou a Casa do Cabido, que se adaptou para o seu novo uso cultural. Daquela, a orientación norte da súa fachada e a distancia desta co muro paralelo da parede medianeira posterior inspirou a idea de converter as diferentes salas do edificio en cámaras escuras, que representan a orixe da fotografía e do cine. O deseño das contraventás de madeira permite a escuridade total interior, de xeito que, a través de minúsculos orificios, nas salas penetran os raios reflectidos coa imaxe do fluír da Praza das Praterías, a fachada da Catedral e a Torre Berenguela; proxectándose invertidas sobre a parede medianeira.
O efecto “cámara escura” recreado na Casa do Cabido permite experimentar a sensación de estar no interior dunha cámara fotográfica. E ofrece momentos máxicos coa proxección do fascinante escenario urbano da Praza das Praterías sobre as paredes interiores do edificio.
Poderase gozar deste espectáculo no horario habitual da Casa do Cabido, o sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00, e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.