Dous libros coeditados polo Consorcio de Santiago narran a vida compostelá de Fernández del Riego

xoves, 29 Xuño, 2023

O Consorcio de Santiago presentou este xoves no Museo do Pobo Galego dous libros coeditados xunto a Galaxia e Alvarellos que relatan a vida en Compostela de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.

 

A primeira das publicacións presentadas é 'Compostela, póla florida', coeditada con Galaxia e onde se recolle unha miúda selección de fragmentos de Fernández del Riego, feita por Domínguez Dono, onde Santiago é protagonista. A outra leva por título 'De Compostela ao exilio exterior. Francisco Fernández del Riego', escrita por Antón Mascato e coeditada xunto coa Editorial Alvarellos.


No acto de presentación estiveron presentes Goretti Sanmartín, presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade; Belén Hernández, xerente do Consorcio; Concepción Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego; Xesús Domínguez Dono, editor de Galaxia; Quique Alvarellos, director de Alvarellos Editora; Antón Mascato, autor do libro 'De Compostela ao exilio anterior' e Juan Conde, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.


Póla florida
O libro 'Compostela, póla florida' é unha homenaxe cunha selección de textos agrupados en catro apartados xenéricos: A descuberta da cidade, cando Del Riego chega a Compostela e comeza a coñecela como estudante; a Compostela apostólica, onde trata a lenda xacobea e a confluencia dos camiños de toda Europa; o Santiago letrado, onde se unen universidade, cultura e política e Semblanzas de Compostela, onde fala de persoeiros como García Lorca, Ánxel Casal ou Ramón Piñeiro.

 

"Aínda que Francisco Fernández del Riego pasou a maior parte da vida en Vigo, onde se estableceu e desenvolveu a súa vida profesional e política, foi Compostela o lugar onde configurou a súa personalidade e formación, tanto no medio universitario como no cultural e ideolóxico", indica Xesús Domínguez Novo, editor deste libro.

 

De Compostela ao exilio exterior
No outro volume presentado este xoves, trátanse desde a óptica de Antón Mascato -primeiro biógrafo de Fernández del Riego- os oito anos nos que Don Paco residiu en Compostela.

 

"Residente na cidade desde 1931 ata o seu exilio interior en 1939, foron anos nos que fragua o seu coñecemento e desenvolve a súa valía, nos que amosa o seu espírito afouto e acada meritorios obxectivos intelectuais e sociais", relata Antón Mascato.