Intervención na igrexa de Santa Mariña de Berdía para resolver os problemas de humidade

xoves, 18 Decembro, 2014

O Consorcio de Santiago está a intervir na igrexa de Santa Mariña de Berdía, localizada na parroquia de Berdía, a uns dez quilómetros ao norte da cidade. A obra céntrase na mellora da cuberta e das revocaduras exteriores e interiores do templo, co fin de resolver os problemas de humidade que afectan ao inmoble. Os traballos, cuxo orzamento ascende a 40.140 euros, poderían estar rematados en poucos meses. 

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, explica que “aínda que o estado de conservación actual da igrexa en xeral é bo, o aspecto exterior do edificio, sobre todo pola súa cara sur, vese moi degradado debido á cantidade de fungos e algas que colonizan a superficie das revocaduras”.

 

Pola súa parte, a fachada principal, que é e pedra, aínda que está en bo estado, ten necesidade de limpeza. As demais fachadas tamén presentan problemas coas revocaduras, a pesar de que a humidade non lles afectou tanto como á orientada cara ao sur. Así, eliminaranse e repararanse todas as revocaduras danadas e aplicarase un acabado final de pintura mineral.

 

A cuberta require labores de mantemento, polo que se substituirá a tella deficitaria. Por outro lado, levarase a cabo unha revisión e limpeza do sistema de recollida de pluviais, canlóns e baixantes para garantir a recollida da auga da chuvia; así como do sistema de drenaxe perimetral exterior.

 

Os problemas no interior da igrexa 

 

Dentro da igrexa a humidade é alta. A pintura actual, plástica, é moi pouco transpirable, o que forzou a subida das sales portadas pola humidade de capilaridade, rompendo as revocaduras en case toda a parte baixa dos muros da nave e do presbiterio.

 

Ademais da pintura, o problema tamén pode derivar do sistema de drenaxe que rodea a igrexa polo exterior, que é probable que estea obstruído ou teña algunha rotura e podería recibir, por fallo, a auga da choiva. E a saída dos tubos está cuberta pola vexetación.

 

Co fin de abordar os problemas existentes no interior do inmoble, eliminaranse as revocaduras da parte baixa dos muros, deixando una franxa duns 40 centímetros para aumentar a aireación dos mesmos. Por último, quitarase a pintura de toda a superficie dos muros da nave e do presbiterio e aplicarase unha pintura ao silicato.

 

“Cómpre salientar que a igrexa ten un retablo maior notable en canto a calidade e proporcións arquitectónicas que o Consorcio de Santiago está a restaurar. É importante, pois, controlar a humidade relativa e a entrada da auga no interior do templo para manter estes elementos en bo estado e sen ataques de xilófagos” -destaca a arquitecta-.