O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva. Entre os temas abordados, aprobáronse diversos convenios con fins culturais. Ademais, deuse luz vezde ás bases de acceso ao curso de posgrao da Escola de Altos Estudos Musicais para o curso académico 2016-2017.
No transcurso da xuntanza aprobouse un convenio co Concello de Santiago para a realización dos fogos do Apóstolo, aos que o Consorcio destinará 220.000 €. Por outro lado, continúa a colaboración co Auditorio de Galicia en relación ao festival de cine Cineuropa, que este ano celebra o seu 30º aniversario e contará cunha partida de 140.000 €.
Co fin de apoiar diferentes actividades culturais na cidade, aprobouse un convenio co Auditorio de Galicia, por unha cantidade global de 230.000 euros. Esta colaboración inclúe a temporada de teatro e danza, a realización de exposicións, iniciativas vencelladas ás artes plásticas e eventos musicais de diferente estilos (dark cabaret, música francesa e belga, soul europeo e americano, electrónica, rock alternativo, novos talentos do Brasil, música contemporánea…), o 9º premio Auditorio de Galicia para novos artistas, conferencias e lecturas performances; xunto coa programación didáctica e familiar prevista para este ano, a programación de verán e outras iniciativas que se celebrarán durante 2016 tanto no eido musical como no das artes escénicas e visuais.
Hai 18 prazas para o curso de posgrao da Escola de Altos Estudos Musicais
Esta mañá aprobáronse as bases de acceso ao Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) da Escola de Altos Estudos Musicais para o curso académico 2016-2017. Trátase dun título propio de posgrao da Universidade de Santiago. Para esta nova edición ofrécense 18 prazas, 6 para a especialidade de violín, 2 para viola, 2 para violoncello, e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión.
Poderán acceder ao mesmo instrumentistas das especialidades ofertadas en posesión dunha titulación superior. As solicitudes deberán presentarse, unha vez publicada a convocatoria, ata o 20 de maio a través da páxina web da escola -www.eaem.es- e as probas de acceso terán lugar en xuño.