O Consorcio de Santiago aprobou en Comisión Executiva convenios con diversas entidades, na súa maioría con fins culturais. Tamén se deu conta dos programas de monumentos, exposicións e publicacións do Consorcio para este ano. E aprobáronse as bases de acceso ao curso de posgrao da Escola de Altos Estudos Musicais para o curso académico 2015-2016.
No transcurso da xuntanza aprobouse un convenio co Concello de Santiago para a realización dos fogos do Apóstolo, aos que o Consorcio destinará 220.000 euros. Así mesmo, deuse luz verde a un acordo con Música en Compostela, o curso universitario internacional de música que cada mes de agosto se celebra na cidade, para o que se achegarán 90.000 euros. Ademais, continúa a colaboración co Auditorio de Galicia en relación ao Festival Cineuropa, que contará cunha partida de 140.000 euros. Pola súa parte, a Fundación Granell terá unha dotación de 90.000 euros. E a Universidade de Santiago recibirá 10.000 euros para o programa “ConCiencia” de divulgación científica.
Co fin de apoiar diferentes actividades culturais na cidade, aprobouse un convenio co Auditorio de Galicia, por unha cantidade global de 230.000 euros. Esta colaboración inclúe a temporada de teatro e danza, o ciclo Sons´15, a difusión da arte contemporánea a través de Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio, a celebración das Xornadas de Música Contemporánea, o ciclo de comicidade “Falabaratos”; xunto coa programación didáctica, infantil e familiar prevista para este ano, a programación de verán e outras iniciativas que se celebrarán durante 2015 tanto no eido musical como no das artes escénicas.
Programa de restauración de monumentos
Este ano están previstas novas actuacións no marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio, para as que se destinarán 546.077,82 euros. No cemiterio do Rosario, pertencente ao conxunto monumental de San Domingos de Bonaval, corrixirase o deseño da rede horizontal de saneamento, xa que na actualidade atáscase, coas consecuentes inundacións no propio cemiterio e tamén na sacristía da capela. Por outro lado, rematarase a redacción do Plan Director do mosteiro de San Domingos de Bonaval, co fin de poder actuar no Museo do Pobo Galego.
Na igrexa parroquial de San Paio de Sabugueira, na Lavacolla, proponse a substitución da cubrición de tella, que está moi envellecida. Na igrexa da Peregrina realizarase unha limpeza e reparación da torre do campanario, xa que o templo ten problemas de filtracións da auga da chuvia. Na igrexa da Orde Terceira de San Francisco levarase a cabo o retellado e revoco das fachadas lateral e posterior. Na igrexa de Santa Mariña de Berdía restaurarase unha pintura mural achada tralo retablo maior. E no convento de Santa Clara substituirase o enreixado das ventás da coñecida como a “fachada da portería”; ao tempo que se actuará nos revocos, nas cubertas e no patio de acceso á igrexa para eliminar as humidades.
Programa de exposicións e publicacións
Así mesmo, a Comisión Executiva aprobou o programa de exposición e publicacións do Consorcio previsto para este ano. O obxectivo deste programa é dar a coñecer, divulgar e poñer en valor distintos aspectos da historia da cidade de Santiago de Compostela e das súas xentes.
Hai 18 prazas para o curso de posgrao da Escola de Altos Estudos Musicais
Na Comisión aprobáronse as bases de acceso ao Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais para o curso académico 2015-2016. Para esta nova edición ofrécense 18 prazas, 6 para a especialidade de violín, 2 para viola, 2 para violoncello, e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. As probas de acceso realizaranse entre os meses de xuño e xullo.