O Consorcio celebra a súa Comisión Executiva

martes, 24 Novembro, 2015

O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. No transcurso da xuntanza deuse un avance das cifras relativas aos orzamentos de 2016, que permitirán concretar as liñas presupostarias do vindeiro ano e que se aprobarán no próximo Consello de Administración, previsto para mediados de decembro. 

 

Entre estas partidas destaca unha liña de axudas, pendente da aprobación do orzamento, para a rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago. O Consorcio destinará un total de 150.000 euros para estas axudas, que permitirán mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico.

 

Como novidade con respecto a outras convocatorias anteriores, inclúese como criterio de selección para acceder a estas axudas o nivel de renda dos solicitantes. Ademais, os demandantes que así o desexen non terán que entregar os certificados de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coas Administracións Públicas, sempre que autoricen ao Consorcio de Santiago a realizar as consultas telemáticas pertinentes. 

 

Praza de director técnico e de viola para a Real Filharmonía de Galicia

 

No marco da Comisión Executiva informouse tamén dos avances que se están a levar a cabo para a contratación do director técnico da Real Filharmonía de Galicia e dun viola para a orquestra. As convocatorias das probas para a provisión destas dúas prazas poderían publicarse nas vindeiras semanas.

 

Museo das Peregrinacións

 

Durante a xuntanza deuse conta do inicio da xestión do Museo das Peregrinacións e de Santiago por parte da Xunta de Galicia. O Consorcio de Santiago investiu na remodelación do edificio preto de 12 millóns de euros, co fin de adaptar a antiga sede do Banco de España como espazo expositivo. E, logo do seu mantemento durante estes anos, o Consorcio cédelle o seu uso á Xunta de Galicia.