Os cidadáns poderán participar na decoración da árbore de Nadal da Praza Roxa

luns, 17 Novembro, 2014

O Concello de Santiago promove a iniciativa “A árbore das ilusións”. Trátase de decorar “entre todos e para todos” a árbore de Nadal que se situará na Praza Roxa. Peza a peza, búscase representar as ilusións e desexos dos veciños de Santiago, partindo da idea de que en moitas culturas a árbore é símbolo de unión e de historia colectiva.

 

Todos aqueles que queiran colaborar con creacións propias -tanto de xeito individual como a través de asociacións ou colectivos diversos- poden facelo e deixar as súas aportacións no centro sociocultural máis próximo ou achegarse á propia Praza Roxa os días 20, 21 e 22 de decembro, datas nas que se levará a cabo a decoración da árbore. Ademais, ao longo deste mes e do vindeiro, celebraranse varios obradoiros de decoración desta “Árbore das ilusións” nos diferentes centros socioculturais da cidade, na biblioteca Ánxel Casal, na Cidade da Cultura, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, na sede do Proxecto Home e da Asociación ASPAS e nos centros comerciais.

 

O refugallo será a base a partir da cal xurdirá unhs proposta creativa. Empregarase material reciclado e elementos naturais de uso cotiá e resistentes á intemperie como cedés, plásticos, corda, la, tea, goma-eva, feltro, lazos, madeira, piñas…

 

Esta fin de semana, o domingo día 30, ás 12:00 horas e ata as 13:30 horas, o Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) acollerá un destes obradoiros. Diríxese a cidadáns, visitantes e peregrinos de todas as idades, posto que se busca a diversidade e que a xente que está de paso na cidade tamén poida deixar a súa pegada nesta árbore colectiva. Neste caso o obradoiro centrarase na decoración de vieiras con lazos e outros elementos, ata conseguir unha gran grilanda. Para participar nesta actividade, que é gratuíta, será preciso inscribirse a través do teléfono do museo (981 566 110), ata un total de 40 prazas.

 

A “Árbore das ilusións” que se colocará na Praza Roxa medirá sete metros de altura e estará acompañada doutras dúas árbores máis pequenas, de cara a facilitar a participación dos nenos na súa decoración.