Preséntase a monografía do intelectual galego Víctor Said Armesto

xoves, 2 Outubro, 2014

Este ano conmemórase o centenario da morte do ilustre polígrafo pontevedrés Víctor Said Armesto (1871-1914). No marco dos diferentes actos que se están a promover con motivo desta efeméride, presentouse no salón reitoral da Universidade de Santiago a publicación Víctor Said Armesto. Una vida de romance, obra do profesor Carlos Villanueva, catedrático de Historia da Música na USC; coeditada polo Consorcio de Santiago, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago.

 

O acto estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad; acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura de Santiago, María Antón; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; xunto co autor da publicación, Carlos Villanueva.

 

Esta monografía achéganos a este erudito esquecido para que nela descubramos a súa produción, a súa vida, a súa correspondencia, as súas imaxes e a difusión dos seus estudos e xuízos de valor. A súa obra e a súa vida retrátano como un verdadeiro precursor, que contribuíu de xeito notable a abrir Galicia ao mundo. Literato, filósofo, folclorista, xornalista, universitario e magnífico orador, foi o primeiro catedrático de Literatura galego-portuguesa na universidade española, que marcaría rumbos claros e precisos no estudo do idioma e a cultura. Foi elixido entre os dez primeiros intelectuais que integraron a Real Academia Galega, baixo a presidencia de Manuel Murguía, do que era amigo íntimo.  

 

Said orientouse cara a Literatura Comparada, o estudo da etnografía e das raíces da cultura popular e a música, alcanzando un recoñecemento internacional coa creación de obras novidosas e de gran fundamento, que permitiron abrir importantes liñas de investigación. Destaca Leyenda de Don Juan, Tristán y la literatura rústica gallega ou a súa notable colección de romances, que tamén se recollen nesta publicación. Foi precursor dos grandes movementos galeguistas dos anos vinte do pasado século como a xeración Nós ou o Seminario de Estudos Galegos e guía de futuras liñas de investigación.

 

Segundo explica Villanueva, “neste libro abórdase a súa faceta máis xograresca, centrada na súa recompilación de material popular (romances e cancións), a súa participación activa en grupos de danza e baile, ou o seu papel como organizador e promotor de eventos galegos no Ateneo de Madrid”. A publicación complétase con material inédito, en particular cartas e artigos de prensa escritos polo propio Said.

 

A Real Filharmonía de Galicia reestreará en decembro a súa zarzuela “La flor del agua”

 

No libro tamén se recolle un estudo detallado da zarzuela La flor del agua, do compositor Conrado del Campo e libreto de Said Armesto. Destácanse aspectos sobre a partitura, a recepción da obra e a súa estética. O profesor Carlos Villanueva editou con Joám Trillo esta obra, que se reeestreará en diversas localidades españolas con ocasión do centenario da morte do autor e da estrea da zarzuela en Madrid. A Real Filharmonía de Galicia poraa en escena en decembro, o día 4 en Vigo e o 5 en Santiago de Compostela.

 

Tal como salienta no prólogo do libro o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Agustín Hernández, “é a mellor maneira de honrar a memoria dun galego universal que fai cen anos estreaba en Madrid a súa zarzuela sen poder ver ou sentir en directo os resultados, os aplausos e a calor que a obra provocou, e que tiveron que contarlle, pois poucos días despois falecía”. 

 

Unha forte vinculación coa cidade de Santiago

 

Son moitas as relacións e referencias de Said Armesto coa cidade de Santiago, onde estudou Dereito e onde coincidiu con Valle-Inclán e con tantos outros galegos ilustres. Foi tuno, presidente da Tuna Clásica que se constituíu en 1990, seleccionando os mellores elementos das diferentes estudantinas compostelás, coa intención de viaxar á Exposición Internacional de París. Presentouse en Compostela como orador en varias ocasións, xeralmente en actos de índole política e como representante dos mozos galegos, en diversas manifestacións culturais ou en xogos florais.

 

Os investigadores recompilaron máis dun centenar de cartas do autor

 

O profesor Villanueva tivo acceso a material do que ata hai pouco non se tiña noticia, algún facilitado pola súa familia, xunto con novos achados en arquivos das Universidades de Porto Rico e Coimbra, así como en fondos de diferentes fundacións, da Universidade de Santiago ou do Museo de Pontevedra co que Said colaboraba. “Estas novas fontes aportaron máis dun centenar de novas cartas, de valor incalculable para a rehabilitación dun personaxe que non tiña historia propia” -salienta o historiador-. “As súas obras, as que tiña preparadas, desapareceron ou foron editadas tarde e mal; os seus proxectos e os seus soños quedaron sobre a súa mesa e ninguén se faría eco da súa curta pero intensa vida de estrela fugaz do pensamento español e galego de principios do século XX” -manifesta o profesor-.