Estes días remata o prazo para presentarse a varios concursos promovidos polo Consorcio de Santiago. Trátase da finalización do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, a eliminación de humidades no Auditorio de Galicia, o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica, xunto cun posto de recepcionista para a Casa do Cabido.
O Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval será o documento guía que marcará os usos, mantemento e funcións deste conxunto monumental. O presuposto base da licitación é de 96.686,73 euros e estímase un prazo de execución dos traballos de 15 meses. As empresas interesadas en presentarse teñen de prazo ata o 6 de abril.
O luns 6 de abril tamén remata o prazo para optar á realización das obras de eliminación de humidades nas cubertas dos corpos que conforman a sala de exposicións, a cociña e a cafetería do Auditorio de Galicia; que son os espazos do edificio que presentan maiores problemas de humidades por filtracións de auga da choiva. O orzamento desta intervención ascende a 74.888,69 euros e estará rematada nun período de tres meses.
O prazo para presentarse ao servizo de recepcionista da Casa do Cabido conclúe o mércores 8 de abril e será por un período de nove meses, de abril a decembro. O inmoble, situado na Praza das Praterías, é propiedade do Consorcio de Santiago e foi rehabilitado como sede expositiva. Ademais de exposicións temporais, acolle actos culturais, presentación de libros, proxeccións, conferencias… vencellados coa historia da cidade.
“A pedra que pisas”
Pola súa parte, o venres 10 de abril é o último día para optar ao servizo de mantemento e reparación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica de Santiago, cun orzamento de 80.029,16 euros. O contrato será por un período de oito meses, dende maio ata decembro. “A pedra que pisas” é un programa impulsado polo Consorcio de Santiago, orientado á posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito da cidade histórica de Santiago de Compostela.