A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago comezou en agosto as obras no Teatro Principal, destinadas á mellora da accesibilidade e á realización de diversas tarefas de renovación e acondicionamento para resolver os problemas e carencias que presentaba o inmoble. As diferentes intervencións, cun orzamento global de 59.541,04 euros, foron executadas pola empresa Elecnor Infraestructuras, S.A.
Mellora da accesibilidade e a seguridade do teatro
Co propósito de mellorar a accesibilidade, leváronse a cabo unha serie de actuacións. Por un lado, na planta baixa creouse un aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida, nun espazo que ata o de agora estaba dedicado a gardarroupa. Por outro lado, fixéronse dúas pequenas ramplas, unha nos chanzos de acceso ao teatro dende o soportal e outra no chanzo de paso do escenario ao corpo de vestiarios. Tal como salienta o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto, Pablo Tomé, “esta rampla era moi importante porque o desnivel, de 30 centímetros, ten ocasionado algún contratempo aos usuarios desta parte do edificio”.
De cara a garantir a seguridade no edificio, colocáronse varias varandas. Na zona de público instaláronse nas escaleiras que enlazan o corpo principal co ambigú, nas escaleiras de comunicación da planta baixa co interior do teatro e tamén nos antepeitos dos balcóns do segundo e terceiro andar. Na zona restrinxida aos técnicos, puxéronse unhas varandas de seguridade nas pasarelas de comunicación das tremoias e fíxose unha pequena porta de metal para impedir o paso do público. Ademais, renováronse as portas de saída á terraza dende o corpo de vestiarios.
Redución do consumo eléctrico e renovación do sistema de climatización
Co fin de favorecer a redución do consumo eléctrico, renovouse a maior parte do sistema de iluminación, que se substituíu por outro máis eficiente dende o punto de vista enerxético. É o caso do sistema de iluminación do vestíbulo, dos corredores, do ambigú, da gran lámpada central e dos toucadores. Para este fin e por seguridade, cambiáronse tamén as diferentes pezas do sistema eléctrico, en particular o grupo electróxeno.
Unha das actuacións máis importantes no edificio centrouse na renovación da maquinaria de climatización do inmoble, en particular os compresores das bombas de calor. “Este sistema de climatización levaba en funcionamento case vinte anos, xa que se introduciu en 1996” -lembra o arquitecto do Consorcio-.
Outras intervencións
Entre outras intervencións levadas a cabo no Teatro Principal no marco deste proxecto promovido polo Consorcio de Santiago, cómpre salientar que se substituíu a mesa de control de son e imaxe, situada no espazo do público á entrada da planta baixa.
Por outro lado, na estrutura de madeira da cuberta renovouse o tratamento antixilófagos e fixéronse pequenas reparacións na madeira deste singular espazo que é o baixocuberta Ademais, actualizouse parte do sistema aintiincendios do teatro. Limpáronse e cambiáronse os canlóns da cuberta e da terraza de vestiarios. Por último, cambiáronse os mesados dos vestiarios e realizouse un pintado xeral de todas as zonas intervidas.