Renóvase a cuberta do Convento do Carme

venres, 12 Decembro, 2014

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago está a promover a terceira fase da intervención no Convento do Carme, situado na rúa de Santa Clara. As obras, cun orzamento de 104.266,12 euros, foron adxudicadas á empresa Elecnor, S.A. e estímase que estean rematadas no prazo de catro meses. Centraranse na renovación da cuberta, en particular na substitución das placas de fibrocemento e da tella existente. 

 

O Convento do Carme é do século XVIII. En 1753 execútanse os cimentos do edificio e en 1758, sen estar rematado de todo, trasládanse ao mesmo as irmás da Orde de Carmelitas da Reforma de Santa Teresa, de clausura rigorosa. Na actualidade habitan o convento 19 carmelitas descalzas segundo a regra do Carmelo, que non admite un número superior a 21 membros. O convento consta dun patio central, coro alto, coro baixo, dependencias e horta. O conxunto convento-igrexa é de tipoloxía claustral.

 

A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto é Lourdes Pérez. Explica que a cuberta do convento está composta por unha estrutura principal de madeira que vai adoptando diversas tipoloxías segundo a súa situación. Sobre esta estrutura principal disponse unha segunda composta por correas de madeira. A estas correas fíxanse as placas onduladas de fibrocemento mediante anclaxes metálicas. Sobre estas placas colócase tella cerámica curva e por todo o perímetro da cuberta canlón metálico.

 

Tal como sinala a arquitecta do Consorcio, “a cuberta presenta problemas de impermeabilización en diversos puntos. A entrada de auga prodúcese de xeito xeneralizado a través do propio fibrocemento, que, cando chove, empápase de auga, deixándoa pasar á súa cara interior, pola que escorre ata que se precipita en forma de goteira ao topar cunha correa de madeira”.

 

Actuacións 

 

Nesta terceira fase procederase á substitución de toda a cubrición de placas de fibrocemento e tellas existentes dos faldróns afectados polos problemas de impermeabilización. Tamén se revisará a estrutura de madeira da cuberta, que en principio parece estar en bo estado de conservación, e levarase a cabo a substitución dos elementos que se atopen deteriorados por outros novos de madeira de castiñeiro.

 

Intervencións anteriores do Consorcio na cuberta do convento

 

No convento leváronse a cabo dúas intervencións anteriores por parte da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, centradas tamén na renovación de parte da súa cuberta. Nunha primeira fase renováronse os faldróns da cuberta da igrexa e parte dos faldróns da cuberta do convento. Na segunda fase renováronse os faldróns correspondentes á zona de noviciado, situada trala cabeceira da igrexa.